A armada invencíbel: 4.000 voluntarias que recuperan 90.000 topónimos galegos a piques de se perder

Un chavasqueiro, en Navia de Suarna, nos Ancares, é prado ruín e pequeno. (Foto: Luis Vilanova)

Do Alto dos Cas, en Mañón (Ortegal) á Corga do Bidueiro (Lobios, Baixa Limia). Do Carballo Rondo (Negueira de Muñiz, A Fonsagrada) á Pedra Cagona (Fisterra), pasando polo Pescozo Torto (Cangas, O Morrazo). Son nomes de accidentes costeiros, de terras, de accidentes terrestres, de regatos,... Un tesouro que se mantiña moitas veces só na memoria da veciñanza. Até agora.

A Galiza ten na súa toponimia unha riqueza que poucos outros países poden discutirlle. Na súa extensión (29.574 Km2 hai 38.500 nomes de entidades de poboación que se rexistran actualmente no novo Nomenclátor da Galiza.

Mais isto é no que respecta á toponimia maior, pois se falamos de microtoponimia, a cifra crece exponencialmente. O proxecto Galiza Nomeada calcula que “podemos salvagardar máis de 2 millóns de topónimos vivos na memoria dos galegos e galegas; iso si, a meirande parte ameazados co risco de desaparecer debido ás transformacións dos modos de vida tradicionais na nosa comunidade”.

Nos anos que estivo activo o Proxecto Toponimia da Galiza (PTG) recolléronse perto de medio millón de microtopónimos en 35 % do territorio galego.”Pero quedan moitos nomes por rexistrar, tanto en terra coma nos máis de 2.500 km do litoral galego”, lembran.

A aplicación colaborativa Galiza Nomeada é un proxecto posto en marcha pola Real Academia Galega e a Xunta, que suma xa perto de 4.000 persoas e entidades que recuperaron ao redor de 90.000 nomes da terra que corrían o risco de se perder coa memoria dos informantes, en gran medida persoas de idade avanzada.

Os máis comúns

Algúns nomes de lugar repítense centos de veces, tal como ocorre co da Igrexa, que segundo publicara no seu día GCCiencia, topónimo co que se coñecen ao redor de 600 lugares de toda a Galiza, ou co Outeiro, que supera os 500.

Castro (máis de 300), Vilar (291) e O Vilar (230), A Torre, O Pazo e A Casanova (máis de 200), e Vilanova, A Cota, A Pena e O Souto (con máis de 150) forman tamén parte desta clasificación dos topónimos máis comúns no país.

Como explicou Flor Fernández en Nós Diario, hai topónimos que poden referirse a diferentes elementos: ao relevo dunha zona xeográfica (orónimo), como por exemplo O Seixo, Campo Lameiro e Barral; á auga (hidrónimo), como Ribadeo, Insua e Fontán; á vexetación (fitotopónimo), como Ameneiro, Moreira e Maceira; aos animais (zootopónimos), como As Pombas, Boipardo e Abelleira; á relixión, como A Igrexa, A Ermida e Aguasantas; a actividades económicas, como por exemplo Prado, Muíño e Bouzas;  ás rutas de comunicación, como Carreira; ao hábitat humano, como Vigo e Vilar; e aos nomes de persoas (antropónimos), como Ribarteme ou Mondariz.