A Xunta responde con grallas unha pregunta sobre vulneración de dereitos lingüísticos

Deixa ao dispor de Repsol, empresa obxecto da reclamación, uns servizos de asesoramento lingüístico que ela propia non parece ter consultado

A Xunta de Galiza respostou unha pregunta formulada polo grupo parlamentar do BNG cun escrito que contén varias grallas e palabras en español. Bieito Lobeira quixo coñecer as causas da exclusión da lingua galega na facturación ás persoas usuarias e o emprego de toponimia deturpada nas estacións de servizo que a petroleira Repsol ten na Galiza.

O Goberno galego informou de que contactou coa empresa para comprobar os feitos denunciados pol@s nacionalistas, e de que puxo á disposición da multinacional os servizos de asesoramento lingüístico. Servizos que non parecen ter consultado el@s propias, á vista das grallas que aparecen no documento que informa das xestións realizadas, desde formas pronominais mal colocadas, á acentuación do complemento directo e termos en español.

Así mesmo, a Xunta sinalou tamén que instou a empresa a, alén de asegurar o respecto polas formas toponímicas da Galiza, adoptaren "a posibilidade" de usar a lingua oficial que empreguen os e as cidadás nas comunicacións con Repsol, lembrando "a oportuna expresión de cortesía co cliente".