A Mesa, o CIEMEN e Kontseilua únense contra a LOMCE

Os representantes da Mesa, o CIEMEN e Kontseilua pularán por "unha alianza entre comunidades lingüísticas" para enfrontar a 'lei da wertgoña'. Esta terza feira darán unha conferencia de imprensa conxunta en Madrid e reuniranse cos grupos parlamentares.

 

A Mesa, o CIEMEN e Kontseilua comparecerán conxuntamente en rolda de imprensa esta terza feira para denunciaren a LOMCE e artellaren unha "alianza" en defensa dos dereitos lingüísticos das tres nacións históricas. Neste senso, os responsábeis das tres organizacións aseguran que decidiron unir as voces para que se deteña "a contrarreforma educativa" e a "doentía preconstitucional" iniciada polo ministro de Educación, José Ignacio Wert.

O obxectivo deste acto é promover un manifesto que chama á construción dunha alianza "de axentes sociais, sindicais e políticos para lle pórmos freo a esta situación” que sirva de dique fronte aos ataques lingúísticos previstos na reforma educativa.

Neste senso, após a comparecencia pública reuniranse cos grupos parlamentares para lles exporen a súa valoración da LOMCE e reclamárenlle “políticas lingüísticas de equidade que pasan por avanzar na normalización do uso e o coñecemento das nosas linguas".