A atención en galego, ''prescindíbel'' no servizo de telefonía móbil do Parlamento

A Mesa denuncia que a presidenta da Cámara galega non acatou o compromiso selado con esta asociación na liña de garantir a atención na lingua propia para a que fose a próxima adxudicataria da concesión. O noso idioma nin sequera se exixe como opción nos terminais

A presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, faltou á súa palabra ao non colocar a atención en galego como requisito fundamental para a que fose a próxima concesionaria do servizo de telefonía móbil na Cámara. Así o denuncia a Mesa pola normalización nun comunicado que fixo público esta sexta feira, en que detalla o "compromiso concreto" que o seu presidente, Carlos Callón, arrincou de Rojo nunha reunión mantida en abril de 2011 e que a conservadora non chegou a cumprir.

Segundo detalla a asociación, nestes momentos estase a negociar o contrato de telefonía móbil "sen incluír nin sequera a opción de que o galego estea presente nos terminais", e isto a pesares de que tal servizo "existe no mercado". Por conseguinte, Callón reproba que o PP "considere prescindíbel" a posibilidade de escoller a lingua propia do país, e entende que tal situación manifesta "un relevo simbólico moi grande e moi negativo".

Ao fío, a Mesa chamou a atención sobre o feito de que a actual empresa concesionaria, Movistar, infrinxe unha lei aprobada por unanimidade no propio Parlamento e que recolle como a adxudicataria do servizo de telefonía móbil no Hórreo debe garantir que calquera persoa poida falar en galego. Con todo, a día de hoxe, nin as liñas da Xunta nin as da Cámara galega teñen a nosa lingua entre as súas opcións. Si que permiten, sen embargo, falar desde Galiza en español, en catalán, en italiano, en francés, en inglés e en alemán.