32,4% das persoas entre 5 e 14 anos non saben falar galego, 16 puntos máis que hai 15 anos
A saúde do galego é crítica. Os datos publicados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) referidos ao coñecemento do uso do galego en 2023 sinalan que 29,3% de residentes na Galiza falan sempre en español; porén, esta cifra era en 2008 de 19,6%, en 2013 de 26,2% e en 2018 de 24,4%. Malia a lixeira recuperación de galegofalantes entre 2008 e 2013, os datos avanzan un incremento de usuarios e usuarias do español de máis de 10 puntos nun período de 15 anos.
53,6% da poboación entre 5 e 14 anos e 43,0 % da faixa entre 15 e 29 anos afirma expresarse sempre en español, 24 e 17,6 puntos máis respectivamente que en 2008. Pola contra, só 7% da poboación entre 5 e 14 anos afirma falar sempre en galego, chegando esta cifra a 11,9% para as persoas entre 15 e 29 anos, o que representa un descenso de 8,2 e de 6,6 puntosrespectivamente en relación ao exercicio de 2008, o último ano completo do Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG na Xunta da Galiza.
A situación do idioma é particularmente difícil entre a mocidade. Segundo os datos fornecidos polo IGE, 70.891 mozos e mozas entre 5 e 14 anos, isto é 32,4% desa faixa de idade, declararon en 2023 descoñecer absolutamente o galego e recoñeceron a súa imposibilidade para expresarse nesa lingua. A cifra representa un incremento de máis de 16 puntos en relación a 2008, cando 33.639 rapaces e rapazas menores de 15 anos, 16,33% das persoas incluídas nesa faixa de idade, responderon non ser quen de falar en galego.
As cifras inciden no papel decisivo xogado pola escola na mudanza do galego pola español nas idades temperás, en liña co manifestado por estudos anteriores da Mesa pola Normalización Lingüística e pola Real Academia Galega (RAG). Neste punto, os numero presentados polo IGE destacan que 3,4% reciben todas as aulas en español, 26% reciben as aulas maioritariamente en español, 56,6% reciben o mesmo número de aulas en español en galego, 12,9% reciben máis aulas en galego que español e só 3,4% reciben todas aulas en galego.
Os datos achegados polo IGE correspóndense con persoas escolarizadas desde a entrada en vigor en 2010 do Decreto do plurilingüismo imposto pola Xunta da Galiza. A citada norma prohibe a existencia de liñas públicas de ensino íntegro en galego e impide impartir aulas de Matemáticas en galego na etapa de Educación Primaria e de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía na Educación Secundaria. Ademais, 100% dos materiais educativos das escolas infantís das cidades están en español e o galego só é maioritario en 8% das mesmas.