Yoon segue en liberdade logo de impedir o seu arresto a garda presidencial e militares de Corea do Sur

O presidente Yoon Suk-yeol. (Foto: YNA / DPA vía Europa Press)
A oficina anticorrupción pide ao presidente provisorio que interveña

Un equipo da oficina anticorrupción surcoreana logrou a sexta feira acceder á residencia oficial do presidente do país, Yoon Suk-yeol, co fin de executar a orde de arresto ditaminada pola Xustiza contra el, cuxas funcións foron suspendidas polo lexislativo, entre acusacións de insurrección pola proclamación en decembro da lei marcial.

Así e todo, máis de 200 axentes da garda presidencial e soldados encargados da protección do mandatario impediron o paso no interior do complexo aos policías e ao equipo da oficina anticorrupción.

A axencia decidiu horas despois suspender a tentativa ao considerar “practicamente imposíbel executar a orde de detención debido ao actual enfrontamento”, citando ao tempo preocupacións pola seguridade das e dos seus traballadores.

Un funcionario do organismo relatou á axencia Reuters “altercados”, así como que a garda presidencial semellaba ter armas de fogo, mais non chegou a exhibilas, sinalou, e a entidade sostivo que reclamaría ao primeiro ministro e titular de Finanzas Choi Sang-mok, que ostenta os poderes presidenciais, que os exerza e ordene á garda presidencial que coopere.

Pola súa parte, a oficina anticorrupción anunciou que designou como sospeitosos o líder da garda presidencial e o seu adxunto por obstrución do deber oficial, emitindo a ambos os dous citacións para que sexan interrogados o sábado.

Válida até o 6 de xaneiro

A orde de detención é válida até a vindeira segunda feira, e se Yoon, cuxos partidarios protestan ás portas da residencia contra a orde, fose finalmente detido as e os investigadores terían 48 horas para liberalo ou demandar que o arresto se prolongue.