A Xunta Electoral expedienta a Sánchez por facer uso electoral da Moncloa

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez. Foto: cedida.
Pedro Sánchez empregou a Moncloa como escenario dunha entrevista televisiva en que realizou declaracións electoralistas. E a ministra portavoz do Goberno, Isabel Celaá caeu no mesmo desde a sala de prensa do Consello de Ministros ao explicar os datos da EPA. Ambos os dous mandatarios expóñense ás sancións da Xunta Electoral Central.

Os dous casos foron denunciados polo PP e agora o organismo electoral dálle a razón ao partido de Pablo Casado. Segundo o ditame do mesmo, algunhas das declaracións de Sánchez na mencionada entrevista -emitida pola Sexta- tiveron “connotacións electoralistas”. Mais o que cuestiona a Xunta Electoral non son estas palabras senón “o uso dos medios públicos”, en referencia ao uso das salas da Moncloa.

O organismo critica o emprego dunha “escenografía que non está dispoñíbel para os restantes candidatos” e a transcrición da entrevista publicada na web oficial do pazo presidencial. O presidente do Goberno e a ministra portavoz poden ser castigados con multas de 300 e 3.000 euros, respectivamente.