A xuíza desbota o informe da Garda Civil que tratou de xustificar Mazón
Novena manifestación para exixir a dimisión do líder valenciano.
Nuria Ruiz, titular do Xulgado de Instrución 3 de Catarroja (País Valencià), descartou punto por punto nun duro auto rubricado a terza feira e que transcendeu a cuarta o informe que lle entregou a Garda Civil a pasada semana coa cronoloxía sobre o acontecido na rambla de Poio o pasado 29 de outubro, día que no que as chuvias torrenciais a raíz dunha depresión illada en niveis altos (DINA) provocaron 228 mortes no territorio.
O documento é “claramente incompleto” e “erróneo nas súas consideracións e apreciacións”, ignorou “declaracións de especial relevancia” e “reflicte unha teoría, a da apagada informativa, plenamente superada, que foi descartada xudicialmente”, indicou Ruiz.
Tamén acusa a forza de seguridade de emitir un informe que “incide en valoracións” fóra do seu papel, sentenciando que “calquera valoración exclusivamente policial das neglixencias ou incumprimentos estaba condenada ao fracaso”.
No documento, a Garda Civil asegurou que a Confederación Hidrográfica do Xúquer non avisou do aumento “exponencial” do nivel de auga, insistindo en que descoñece se a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) ofreceu “datos exactos” de precipitacións en “tempo real”.
Isto coincide coa xustificación dada polo Goberno territorial do Partido Popular (PP), dirixido por Carlos Mazón, que logo de non enviar a alerta á poboación até que xa se produciran boa parte das mortes comezou a acusar nesta liña estas institucións estatais.
Manifestación contra Mazón
Asemade, a terza feira desenvolveuse en Catarroja a novena manifestación para exixir a dimisión de Mazón, nove meses despois do acontecido, na primeira mobilización fóra de València, a capital, e á que segundo á Delegación do Goberno español asistiron 1.500 persoas.
Ademais, o Tribunal Supremo arquivou as querelas, varias de entidades ultradereitistas, contra o presidente Pedro Sánchez (PSOE) e outros membros do Goberno, aos que acusaban de suposta inactividade fronte á DINA.