Reafirma a dirección política sobre as empresas estatais

Xi Jinping, elevado ao rango de “núcleo” do Partido Comunista de China

Un aspecto do plenario

Xi Jinping, presidente da República Popular da China, xa está á altura simbólica de Mao e Deng Xiaoping. Así o decidiu esta semana en Beijing o sexto plenario do Comité Central do gobernante Partido Comunista.

En 1989 Deng Xiaoping alcuñou o termo “núcleo” para se referir ao principal órgao unipersoal do partido gobernante na China. Non todos os secretarios xerais alcanzaron ese rango. Déuselle a Mao Zedong a título póstumo e tamén o tivo Jiang Zeming. Non así Hu Jintao, o predecesor de Xi Jinping, quen agora -catro anos após a súa chegada á cimeira do partido- alcanza esa altura.

Aliás, o partido, nun comunicado oficial en que dá conta do nomeamento de Jinping como “núcleo”, reafirma a preeminencia da dirección colexiada. “A lideranza colectiva debe ser sempre respeitada e non deberá ser violada por ningunha organización ou individuo baixo ningunha circunstancia ou razón”, afirma.

O sexto plenario do Comité Central reuniuse en Beijing por espazo de catro días -de segunda a quinta feira- co propósito de preparar o próximo congreso do partido, que irá decorrer no outono de 2017. Nel en teoría Xi Jinping sería reeleito para un segundo mandato e nel tamén tería que ir dando pistas sobre a persoa na que aposta como o seu sucesor.

Xi Jinping aproveitou unha reunión con directivos das principais empresas do país para reafirmar o principio da “dirección” do partido comunista sobre o xigantesco conglomerado de empresas estatais

Nas vésperas deste plenario, Xi Jinping aproveitou unha reunión con directivos das principais empresas do país -neste momento o segundo PIB do planeta- para reafirmar o principio da “dirección” do partido comunista sobre o xigantesco conglomerado de empresas estatais, hexemónicas nos sectores estratéxicos da economía.

“A lideranza do partido sobre as empresas estatais é un principio político fundamental e debemos perseverar nese principio”, dixo.

Destarte, Xi Jinping reforza o seu rol ao fronte dun partido que en apenas 5 anos celebrará o seu centenario (2021). O obxectivo estratéxico, remarca o estatal Diario do Pobo, é conseguir facer de China un “país socialista moderno” á altura de 2049, cen anos despois da fundación da República após a vitoria de Mao na guerra civil.