Xi Jinping e Donald Trump manteñen unha "longa e minuciosa" conversa: estes foron os temas centrais
Os presidentes da China e dos Estados Unidos, Xi Jinping e Donald Trump, mantiveron esta cuarta feira unha conversa telefónica na que o mandatario chinés instou o seu homólogo a "extremar a precaución" respecto á venda de armamento, en especial ás autoridades taiwanesas. Neste sentido, Xi recalcou que a illa é o "asunto máis importante" no referente ás relacións entre Beijing e Washington.
"Taiwan é territorio chinés", dixo Xi lembrando unha cuestión recoñecida pola gran maioría da comunidade internacional, incluídos os EUA. "China debe defender a súa soberanía nacional e a súa integridade territorial. Nunca deixará que o territorio sexa separado da China", acrecentou o líder.
Con todo, o presidente da China, que destacou que o país asiático "é fiel á súa palabra e cumpre as súas promesas", destacou a "boa comunicación" que mantivo co seu homólogo estadounidense e expresou a "grande importancia" da relación entre as dúas potencias.
En termos similares, Trump constatou a sintonía "extremadamente boa" nunha chamada "longa e minuciosa" centrada no comercio bilateral e no escenario xeopolítico, e na que ambos os mandatarios tamén tocaron asuntos de actualidade como a guerra en Ucraína, a crise en Irán e a situación en Taiwan.