Xeólogos piden mellorar a prevención tras a DINA: "Non son actos divinos; hai unha ciencia que non se usa"
A presidenta do Colexio Oficial de Xeólogos, Nieves Sánchez Guitián, pediu este sábado mellorar a prevención de cara a futuras DINAs e informar a poboación para que sexa consciente dos riscos aos que se enfronta e saiba como actuar ante este tipo de sucesos. Sánchez criticou que cadaquén constrúa "onde lle vai parecendo e sen control ningún", xa que ás administracións "dálles igual" onde se coloca un edificio. Unha vez construído, recriminou, "non se informa" á poboación sobre se as súas casas están nunha zona inundábel, xa que así actuarían "a conciencia do risco" e de maneira "responsábel".
"Se ti es consciente de que a planta baixa dunha residencia de anciáns pode asolagarse porque estás en zona inundábel e ves unha alerta vermella nos medios, xa sabes que ese día non podes baixalos á planta baixa. Son seis ou dez días ao ano nos que non vas poder facelo [...] Non o fas e xa está", dixo, en declaracións á axencia Europa Press.
Por iso, pediu ás administracións que apliquen "a cultura da prevención" e que as e os cidadáns sexan conscientes dos riscos cos que viven para que poidan xestionalos mellor. Con respecto a esta DINA, Sánchez afirma que varios factores explican o ocorrido no País Valencià, máis aló dos protocolos.
Por exemplo, fixo alusión á falta de previsión, a ausencia de mapas de riscos —que conlevan que se constrúa "sen orde nin concerto"— e a carencia da "cultura de seguridade" por parte da cidadanía. "É como cando dicimos que os incendios se apagan no inverno. O que estamos a dicir é que se traballe durante a etapa anterior para que isto non chegue nunca a ocorrer", sinalou.
Así, concluíu con que "ten que cambiar a filosofía" das emerxencias. "Isto non é un acto divino. Hai unha ciencia e un coñecemento que non se utiliza. Entón, exixámolo. Pero tamén fagamos á cidadanía partícipe da xestión de riscos. Fagamos ese traballo", engadiu.
"Temos todo o territorio urbanizado"
Pola súa parte, o xeólogo Andrés Díez Herrero, do Instituto Xeolóxico Mineiro, fixo referencia á urbanización do territorio ao analizar as consecuencias desta DINA. "Temos todo o territorio urbanizado, está parte del impermeabilizado e o resto, ocupado por infraestruturas moi vulnerábeis, como edificacións, industrias, estradas transversais á circulación dos torrentes... e por iso tivo esas consecuencias", asegurou en declaracións a Europa Press.
Neste sentido, sinalou que en 1617 houbo en Catalunya unha DANA "moi parecida", coa mesma choiva, mais que non ocasionou "tantos mortos" porque "entón non estaba tan urbanizado" o territorio. De feito, dixo, os poucos municipios que había estaban situados nas partes altas dos cerros "e cun respecto de adoración á rambla e todo o que era a rambla".
"Agora confiámosnos, canalizamos esa rambla, impermeabilizamos a conca, de tal maneira que todo o que chove vai directamente á rambla, non se infiltra case nada. Entón, coa mesma choiva, temos caudais máis altos e aínda por riba temos constrinxido o río por onde pode pasar, pois desborda", explicou. Neste sentido, indicou que onde no século XVII había casas de labranza e hortas, que era onde se producían esas inundacións, actualmente as que sofren os estragos da DINA son as residencias de anciáns, centros de saúde e chalés.
"As DINAs serán máis frecuentes"
Así mesmo, Díez indicou que as DINAs van seguir sucedendo e que mesmo poderán ser "máis frecuentes". "Non sei se máis de maior magnitude, pero polo menos máis frecuentes. Entón, o que se trata é de minimizar os danos", destacou. Nesta mesma liña, dixo que as rúas van asolagar, pero do que se trata é de evitar que esa inundación sexa prexudicial, sobre todo para as persoas e tamén para os seus bens materiais. Para iso, engadiu que hai dúas estratexias clásicas para abordar esta situación: as medidas estruturais e as non estruturais.
Entre as estruturais, Díez fixo alusión á construción de presas, de diques moi altos para que a auga non se desborde, á eliminación da vexetación da ribeira para que o río vaia máis rápido ou á canalización dos ríos. "Estas medidas viñéronse aplicando toda a vida, ao longo da historia. No Estado aplicáronse moitísimo nos anos 50 e 60 e funcionan para as situacións normais. En situacións extraordinarias, como esta DINA, demostrouse que as canalizacións, por exemplo, da rambla do Pito, en Paiporta (València) non serviron de nada", subliñou.