O xefe do ICE anuncia a retirada de 700 efectivos nun contexto de presión social logo dos asasinatos perpetrados polo corpo
O xefe interino do Servizo de Control e Aduanas dos Estados Unidos (ICE), Tom Homan, nun contexto de presión social logo dos asasinatos de dúas persoas polo corpo policial, anunciou esta cuarta feira unha redución inmediata de 700 efectivos no despregue en Minnesota, só uns días despois de verse obrigado a confirmar novos protocolos de actuación para mellorar a seguridade pública nas actuacións.
"Con efecto inmediato, reduciremos 700 axentes", afirmou o tamén coñecido como 'zar das fronteiras' valorando a integración de distintos corpos estatais nunha "soa cadea de mando unificada". Con todo, Homan continuou coa súa retórica de criminalización da poboación migrante. "Esta eficiencia libera máis oficiais para arrestar estranxeiros delincuentes", dixo.
O xefe interino foi enviado a Minnesota polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, nun contexto de intenso rexeitamento social contra o ICE. Neste sentido, o mandatario estadounidense outorgou o mando a Homan en reposición do anterior responsábel do corpo, Gregory Bovino, coa vista posta en rebaixar a tensión.
Homicidio
Todo isto despois de que a oficina forense do condado de Hennepin, en Minnesota (EUA), clasificara como homicidio a morte a tiros do enfermeiro estadounidense de 37 anos Alex Pretti a mans de axentes federais, igual que o fixera con Renée Good, unha cidadá dos EUA e da mesma idade morta a causa dos disparos dun membro do Servizo de Control de Inmigración e Aduanas (ICE) no marco das redadas dirixidas contra a poboación migrante.
O informe oficial recolle "homicidio" como a forma na que morreu Pretti e, como causa, "múltiples feridas por disparos" que aconteceron ao ser "tiroteado por axentes das forzas da orde", se ben non precisa cantos nin en cantas ocasións, aínda que o Departamento de Seguridade Nacional recoñeceu que foron dous axentes e o diario local Minnesota Star Tribune cifra en 10 o número de disparos.
Coincidindo coa publicación do informe, unha vez tamén identificados como Jesús Ochoa e Raymundo Gutiérrez os presuntos asasinos de Pretti, e no marco das crecentes protestas contra a represión por parte do Goberno de Donald Trump, a secretaria de Seguridade Nacional dos EUA, Kristi Noem, anunciou que "todos os axentes de campo en Minneapolis" levarán cámaras corporais, unha medida que se estenderá de forma progresiva polo resto dos Estados Unidos "a medida que haxa fondos dispoñíbeis".