O Xapón conmemora os 80 anos da súa rendición na Segunda Guerra Mundial

Shigeru Ishiba, líder xaponés. (Foto: ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
A China celebra o Día da Vitoria o 3 de setembro.

O conservador Shigeru Ishiba, primeiro ministro do Xapón, remarcou a sexta feira que “nunca repetiremos a traxedia da guerra, nunca tomaremos o lado equivocado”, facendo fincapé en que “debemos gardar profundamente nos nosos corazóns o remordemento e a lección desa guerra”, durante a conmemoración da rendición do país hai 80 anos na Segunda Guerra Mundial.

Malia que é a primeira vez en máis dunha década que un líder xaponés usa o termo “remordemento” na súa intervención na conmemoración, cando menos un ministro do seu Gabinete estivo a sexta no santuario xintoísta Yasukuni, no que están soterrados máis dun millar de criminais de guerra, incluídos 14 altos mandos militares xaponeses.

Amais, o propio Ishiba enviou unha ofrenda a un lugar que, para a China e as dúas coreas, invadidas polo Xapón, é un símbolo da agresión militar.

En paralelo, Beijing lembrou que tras a “guerra antifascista” ao Xapón exixíuselle que “devolvese os territorios que roubara á China, incluído Taiwán”, un asunto no que lle demandou que “tome a decisión correcta”.

Na China, a celebración polo Día da Vitoria decorrerá o 3 de setembro, un día despois de que se formalizara a rendición, nunha xornada na que estarán os líderes de Indonesia, Malaisia, Vietnam, Camboxa, Laos ou Myanmar.

Seúl afirma que respecta o "sistema actual de Corea do Norte"

Xa en Corea do Sur, o presidente Lee Jae-myung enviou no seu discurso unha mensaxe de conciliación ao norte, reducindo as actividades militares na raia e trasladando “o noso respecto polo sistema actual de Corea do Norte, que non buscaremos ningunha forma de unificación por absorción e que non temos intención de participar en actos hostís” na súa contra.