Vítimas da DINA piden saber a "verdade" e que se depuren "responsabilidades"
A presidenta da Associació de Víctimes Mortals 29-O, Rosa Álvarez, explicou a terza feira no Congreso español, na primeira xornada da comisión de investigación sobre as 229 mortes no País Valencià hai un ano a raíz dunhas inundacións causadas por unha depresión illada en niveis altos (DINA) e da xestión da Generalitat Valenciana encabezada polo Partido Popular (PP), como morreu Manuel, o seu pai.
Mentres afogaba no garaxe da súa casa, a filla de Álvarez tratou de salvalo, mais a nai acabou por mentirlle, asegurándolle que estaba “na terraza” para que non falecera tamén.
Dolores Ruiz perdeu ese día a súa parella e os seus dous fillos. Mentres representantes do PP e da ultraespañolista Vox, que non aplaudiron as intervencións das vítimas, insistían en responsabilizar nas súas intervencións o Goberno español do acontecido, Ruiz sentenciou que “eu de partidos e de política non sei nada, pero o que si sei é de xente que non fixo ben o seu traballo”.
“Non pedimos compaixón, pedimos verdade, non queremos minutos de silencio, queremos responsabilidade, que cada Rosa, cada Felipe, cada Sergi sexan o recordatorio do que nunca debe volver pasar”, sinalou Carmina Gil.
Un día despois de que Carlos Mazón (PP) dimitira como presidente valenciano, posto no que se manterá en funcións até que PP e Vox pacten quen o substituirá, Álvarez inquiriu “cantas veces teñen que morrer para que os responsábeis destas mortes recoñezan os seus erros”. Está previsto que as vítimas comparezan até a quinta feira.
A investigación xudicial sobre o acontecido deixa claro que detrás do alto número de mortes estivo a inacción do Executivo valenciano, que non enviou unha mensaxe masiva á poboación até que se xa produciran a maioría dos decesos.
Feixoo e Abascal dan inicio á negociación
Os líderes de PP, Alberto Núñez Feixoo, e Vox, Santiago Abascal, mantiveron a terza feira unha conversa telefónica “cordial” para abordar a situación no País Valencià co fin de avanzar na busca do recambio de Mazón, mais aínda “non se puxeron nomes sobre a mesa”, recolle o comunicado dos conservadores.
O texto indica que coincidiron na necesidade de dotar de “estabilidade” o novo Goberno, aliás de que o “acordo de cara a unha nova investidura” será “consecuente” cos “acordos subscritos en maio para a aprobación dos orzamentos” territoriais. A extrema dereita xa gobernou co PP no País Valencià até xullo de 2024.