Varias persoas mortas nunha operación ‘anti-terrorista’ en Bélxica

@majornews911

O operativo contra unha célula jihadista decorre en Verviers (Liexa). Algúns medios falan de tres mortos.

 

Unha operación policial contra unha presunta célula jihadista causou varios mortos na cidade belga de Verviers, segundo a televisión pública deste país, que tamén indica que hai varias persoas detidas. Algúns medios falan de tres falecidos, mais o número está sen confirmar oficialmente. Outras fontes falan de dous mortos e un ferido moi grave.

A operación decorre nas proximidades da estación desta cidade de Liexa. Testemuñas citadas pola TV belga falan de “estoupidos” e “disparos” durante uns 10 minutos. Algúns medios afirman que nesta cidade de Liexa vivían algúns dos 400 mozos belgas que retornaron ao seu país após combater en Siria e Iraque nas fileiras 'jihadistas'.

Tamén en Bruxelas

Paralelamente, unha operación policial decorre en Bruxelas. Tamén se dirixe, informa o xornal Le Soir, contra belgas que retornaron ao seu país após combater en Siria da man de grupos extremistas islámicos.