A vacinación, outra 'rebanda de queixo' contra a Covid-19
O Reino Unido iniciou onte a vacinación da súa poboación contra a Covid-19 co remedio de BioNTech/Pfizer. Margaret Keenan, nacida en Enniskillen (Irlanda do Norte) e actualmente veciña de Conventry (Inglaterra), púxolle cara á noticia que ocupou hoxe máis minutos nos medios audiovisuais e dixitais de todo o mundo. Tamén en Gales e en Escocia os profesionais que levarán a cabo o proceso de vacinación xa foron inoculados, segundo a información recollida nas webs dos Gobernos galés e escocés.
"Aínda temos un longo camiño por percorrer, mais isto marca a ruta a seguir", dixo o ministro de Sanidade do Reino Unido, Matt Hancock, en declaracións á BBC. En xeral, os expertos sanitarios coinciden en cualificar os próximos meses como unha maratón até chegar á meta da inmunización xeneralizada da poboación.
Margaret Keenan, que fará 91 anos a vindeira semana, non é con todo a primeira persoa en se inocular contra a enfermidade do novo coronavirus. Xa o sábado pasado Rusia iniciou este proceso vacinando profesionais da saúde, da educación e traballadores sociais coa Sputnik V, o fármaco desenvolvido polo centro Gamaleya.
De feito, son moitos os traballadores sanitarios rusos vacinados hai meses, en paralelo coas probas clínicas. Segundo informou o 2 de decembro o ministro de Sanidade, Mikhail Murashko, nunha sesión especial da Asemblea Xeral da ONU, a cifra total de persoas xa inoculadas en Rusia supera as 100.000.
A diferenza reside en que os tests para verificar que a Sputnik V é segura e realmente funciona aínda non foron completados; os datos publicados até agora baséanse en resultados provisionais. Pola contra, a de BioNTech/Pfizer completou todas as probas e foi revisada por paneis de expertos independentes.
Aínda que tampouco o proceso británico estivo exento de críticas. Por exemplo, o principal experto do Goberno dos Estados Unidos en enfermidades infecciosas, Anthony Fauci, sinalou a semana pasada nunha entrevista en Fox News que o organismo regulador do medicamento británico (MHRA) non fora o suficientemente coidadoso durante o proceso de autorización da vacina. Ou cando menos ─dixo─ "non o fixo tan coidadosamente" como o está a facer o organismo regulador nos EUA, a FDA.
Visto bo nos EUA
Precisamente esta terza feira a FDA emitiu dous informes sobre a vacina de BioNTech/Pfizer asegurando que "cumpre cos criterios de éxito exixidos". A axencia publicou dúas análises en paralelo: unha do seu propio panel de expertos e outro dos produtores da vacina, a biotecnolóxica alemá e a farmacéutica estadounidense. Isto suxire, segundo o Washington Post, que a 'luz verde' á vacinación masiva no país norteamericano podería chegar "esta fin de semana".
Na UE, a Axencia Europea do Medicamento (EMA) reunirase para analizar a vacina de BioNTech/Pfizer o 29 de decembro. Ugur Sahin, director executivo de BioNTech, asegurou onte en declaracións á axencia de noticias alemá, DPA, que axiña chegue a autorización, "a máis tardar o 30 de decembro" ─apuntou─, "poderiamos comenzar a distribuír [as vacinas] directamente un día despois".
Vacina e Brexit
Se Moscova buscou adiantarse ao mundo, Londres quíxoo facer á UE e usalo politicamente. Tras a autorización da MHRA, o ministro Hancock manifestou que foi "grazas ao Brexit" que o puideron facer antes que o resto de europeos. Mais tal e como a MHRA apuntou, nada ten a ver que os británicos fagan parte ou non do club comunitario.
A lexislación da UE permite a calquera Estado membro garantir a autorización temporal dun medicamento en resposta á propagación de enfermidades infecciosas, lexislación que como o resto do acervo normativo se aplica no Reino Unido até o 31 de decembro, final do período de transición do Brexit. Polo tanto, calquera Goberno estatal puido tomar esa mesma decisión.
En calquera caso, acaba de dar comezo no mundo a maratón da vacinación. Isto é, unha rebanda máis de queixo no "modelo de defensa de Gruyère" nunha pandemia. Este modelo, elaborado polo virólogo Ian M. Mackay da Universidade de Queensland, é unha adaptación do elaborado en 1990 por James T. Reason, da Universidade de Manchester, para a prevención de accidentes.
Cada unha das medidas persoais ─distanciamento físico, uso de máscara, hixiene de mans─ e colectivas ─tests, rastrexo, ventilación de espazos fechados─ sería unha capa, imperfecta, para frear o virus. Todas por separado, como a rebanda dun queixo de Gruyère, teñen buratos, mais todas xuntas reducen altamente as probabilidades de contaxio e son quen de acabar coa pandemia da Covid. A vacinación é un gran paso, mais non deixa de ser unha rebanda máis.