Unha norirlandesa de 90 anos, a primeira persoa en recibir a vacina de Pfizer na campaña de vacinación no Reino Unido

Os reguladores británicos deron a semana pasada luz verde a esta vacina.
Margaret Keenan vacina
photo_camera Margaret Keenan (Foto: NHS)

Unha muller de 90 anos foi a primeira persoa no Reino Unido e o mundo en recibir a vacina contra a Covid-19 desenvolvida pola farmacéutica estadounidense Pfizer e o seu socio alemán  BioNTech.

Margaret  Keenan, norilandesa de 90 anos, foi filmada e fotografada mentres se lle administrou a vacina no Hospital Universitario de  Coventry, no centro de Inglaterra.

Os reguladores británicos deron a semana pasada luz verde a esta vacina, que a partir de hoxe principiará a ser fornecida para os grupos máis vulnerables do Reino Unido.

Keenan, a quen os seus amigos e familia chaman "Maggie", recibiu a primeira das dúas doses da vacina no medio dunha gran atención mediática ao marcar o inicio do que o Goberno do Reino Unido denomina o ‘V- Day’ (Día da V ou vacinación).

Keenan, que fará 91 anos a próxima semana e é oriúnda da localidade norirlandesa de Enniskillen, é unha antiga empregada dunha xoiería, ten unha filla, un fillo e catro netos. "Síntome tan privilexiada de ser a primeira persoa vacinada contra a Covid-19. É o mellor agasallo de aniversarios, adiantado, e porque significa que finalmente poderei pasar tempo coa miña familia e os meus amigos en Ano Novo despois de estar practicamente soa todo o ano", declarou Keenan aos medios.

A muller agradeceu sistema público sanitario ( NHS, polas súas siglas en inglés) pola forma en que a atenderon e aconsellou á xente vacinarse.

Comentarios