"O Tribunal Supremo condenou un home inocente": a Unión Progresista de Fiscais denuncia "a condena inxusta" contra García Ortiz

Félix Martín, presidente da Unión Progresista de Fiscais. (Foto: Europa Press)

"Estamos noqueados e en shock institucional", afirma o presidente da UPF, Félix Martín, tras a resolución do Tribunal Supremo contra o fiscal xeral do Estado.

A Unión Progresista de Fiscais (UPF), asociación á que pertenceu o actual fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, manifestou esta quinta feira a súa "máxima preocupación" e "fondísima tristeza" tras coñecerse a condena do Tribunal Supremo que inhabilita Ortiz. O presidente da organización, Félix Martín, expresou no programa Hora 25 de Cadena Ser que este é "un dos días máis tristes" da súa carreira profesional e advertiu de que o fallo "terá consecuencias profundas para a confianza na xustiza".

"Hoxe o Tribunal Supremo condenou un home inocente", afirmou Martín, quen sostén que a resolución "non só prexudica García Ortiz, senón o conxunto da institución fiscal". A sentenza, asegura, "lanza un aviso perigoso": que informar con veracidade, desmentir un bulo ou defender a verdade institucional poidan converterse nun risco penal. "Non é un dano individual, é estrutural", engadiu.

"Non hai un só elemento probatorio"

A UPF lamenta que a condena se producira "sen un só elemento probatorio que a suture", nun Estado no que a presunción de inocencia é un dereito fundamental. Martín advertiu de que esta sentenza "vai afectar o labor cotián de calquera fiscal" no Estado español, xerando incerteza sobre decisións profesionais que, até agora, se consideraban plenamente amparadas polo dereito.

O presidente da UPF cualificou de "gravísima" a decisión do Supremo de adiantar a resolución sen facer pública a motivación xurídica: "A esencia da presunción de inocencia está na motivación das sentenzas". Privar o condenado e a cidadanía desa explicación "durante días ou semanas" é, ao seu xuízo, "un erro enorme que alimenta a sensación de opacidade" e "causa un dano engadido ao afectado".

Martín quixo transmitir tamén unha mensaxe de apoio persoal ao fiscal xeral: "Álvaro García Ortiz afrontou este proceso con dignidade e serenidade, ao alcance só de quen pon o servizo público por riba de si mesmos". Engadiu que quen coñece a súa traxectoria sabe que "actuou como un escudo que protexeu o conxunto da cadea fiscal".