A extrema dereita, a piques de gobernar por primeira vez Chile pola vía das urnas

A comunista Jeannette Jara e o ultradereitista José Antonio Kast enfrontaranse mañá na segunda volta das eleccións presidenciais de Chile, nas que as enquisas concordan en que se imporá por ampla marxe o candidato do Partido Republicano (PR), que se convertería no primeiro mandatario de extrema dereita escollido nas urnas no país. Kast, defensor da ditadura encabezada polo tamén ultradereitista Augusto Pinochet, non ocultou as súas simpatías por el, e no último debate do proceso, na madrugada da quinta feira, abriu a porta a indultar condenados por crimes contra a humanidade nesa etapa, mais negouse a contestar se o fará con Miguel Krassnoff, represor con máis de 80 condenas que suman seis séculos de prisión. "O teu amigo", incidiu Jara, tratando de que retrucase. Porén, a estratexia de campaña de Kast desde a primeira volta baseouse en evitar pronunciarse o máximo posíbel sobre a súa admiración a Pinochet ou sobre o seu rexeitamento ao aborto ou ao matrimonio igualitario, centrándoa en paralelo nas persoas migrantes e na seguridade, e asegurando no debate que hai 1,2 millóns de homicidios ao ano, mil veces máis que a cifra real. No tocante ás persoas migrantes, defendeu a expulsión das 330.000 que están sen regularizar, aseverando que aquelas que tiveron crianzas no país, e polo tanto que teñen a nacionalidade chilena, deberán decidir entre marchar con elas ou deixalas a cargo do Estado. Asemade, outro dos eixos principais foi insistir en que Jara representa "a continuidade" co Executivo de Gabriel Boric, tamén de Unidade por Chile (UpCh) e cunha aprobación da súa xestión moi baixa nos últimos anos. En todo caso, a aspirante desenvolveuse como ministra de Traballo até abril e foi chave na aprobación da suba das pensións ou dunha norma para reducir de 45 a 40 horas a xornada laboral semanal. Aínda que o seu programa recollía que suspendería esta última lexislación, no debate, e após saír claramente derrotado do anterior, Kast afirmou que non a vai tocar, como tamén prometeu que as axudas sociais non se verán afectadas polo recorte de 5.150 millóns de euros de gasto público no primeiro ano e medio. "Cando asuma como presidenta non terei ningunha dúbida en tomar as medidas que sexan necesarias para o noso benestar", subliñou Jara, quen apuntou que, malia que hai que crecer máis, o que lle interesa é que "ese crecemento chegue a todos os chilenos". En alusión á posíbel volta da extrema dereita ao Palacio da Moeda, transmitiu que cre "nunha patria na que nós, en vez de odiarnos, nos unamos", posto que "cando nos xuntamos logramos avanzar". A progresista propuxo modernizar o Estado, cunha nova Lei de transparencia que salvagarde os cartos públicos, e reforzar empresas estatais como Codelco, que "ten desafíos enormes por toda a demanda mundial que vén". No terreo social optaría por unha norma que garanta o ingreso mínimo vital. No ámbito internacional, criticou o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, cualificando o país de "ditadura" ao tempo que remarcaba que a ultradereitista María Corina Machado, gañadora do Premio Nobel da Paz, participou en "tentativas golpistas". Tanto Jara como Kast proclamaron que renunciarán á militancia no Partido Comunista de Chile (PCCH) e no PR, respectivamente, no caso de vencer mañá nas urnas chilenas. O camiño á segunda volta Desde o 1 de decembro está prohibida a difusión de traballos demoscópicos no país. Até ese momento, sinala o promedio de sondaxes de Radar Electoral, Kast ía en cabeza con 48,05% da intención de voto, por 33,65% de Jara. O 18,3% restante non contestou ou achegaríase a votar nulo ou branco. Na primeira volta do 16 de novembro, Jara obtivo a primeira praza con 26,85% dos sufraxios, por baixo do agardado, mentres que Kast fíxose con 23,93%. A terceira praza foi para o conservador Franco Parisi, do Partido da Xente (PDG), que deu liberdade de voto para a segunda fase electoral. O 19,71% que logrou non foi previsto polas enquisas. As outras únicas dúas candidaturas que superaron 1,5% dos apoios foron a do ultradereitista Johannes Kaiser (Partido Nacional Libertario, PNL), con 13,94%, e á da conservadora Evelyn Matthei, de Chile Grande e Unido (ChGU), a coalición dereitista tradicional, con 12,47%. Non obstante, aínda que PNL e ChGU participaron na campaña de Kast de cara á segunda volta e son determinantes para que poida fiar maiorías no novo lexislativo, renovado tamén o 16 de novembro, Matthei abstívose de formar parte dos actos, e esta semana sorprendeu ao afirmar que "encántame o vermello", deixando entrever que apoiará Jara. Tamén sorprendeu a reunión en campaña entre Kast e o ex presidente progresista Eduardo Frei, cuxa forza, o Partido Demócrata Cristián (DC), está integrado en UpCh. Malia que Frei, cuxo pai foi asasinado pola ditadura após apoiala en primeira instancia, non confirmou que votará polo ultradereitista, permitiulle impedir que os comicios se convertesen nunha dicotomía a favor ou en contra do réxime de Pinochet. (Foto: Pablo Ovalle Isasmendi / Agencia U / DPA)
Un seguidor do ditador Augusto Pinochet, o ultradereitista José Antonio Kast, podería converterse este domingo no novo presidente de Chile 35 anos despois daquel golpe militar. A súa rival nesta segunda volta electoral, a progresista Jeannette Jara, do partido de Gabriel Boric, parte con desvantaxe segundo as enquisas. 
 
Debes estar rexistrado para ler este contido
Poderás rexistrarte co teu correo. É rápido e gratis.
Precisa axuda? Envíanos un correo electrónico a subscricion@nosdiario.gal.