A UE desvincula o Goberno xihadista sirio dos masacres por motivos étnicos nos que morreron 1.500 civís

Kaja Kallas, alta representante para e Asuntos Exteriores e Políticas de Seguridade e vicepresidenta da Comisión Europea. (Foto: Francois Lenoir / European Council / DPA)
Bruxelas defende seguir erguendo as sancións.

En 58 masacres desde o inicio o 6 de marzo dun ataque rebelde no oeste do país, os xihadistas que controlan boa parte do territorio sirio asasinaron a sangue fría 1.557 civís por motivos étnicos, transmitiu a segunda feira o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos, unha entidade islamista e opositora ao deposto Goberno de Bashar al Assad, xusto no día no que a alta representante de Exteriores da Unión Europea (UE), Kaja Kallas, defendía o Executivo instaurado polos fundamentalistas.

“O que vemos é que os dirixentes sirios están a render contas ou facendo render contas a quen perpetrou estes masacres, e iso demostra que debemos continuar co levantamento das sancións”, asegurou Kallas. Con anterioridade, Bruxelas chegou a responsabilizar dos asasinatos de civís aos rebeldes.

A comunidade alauita, á que pertence al Assad, concentrou a inmensa maioría das mortes, máis tamén están a ser masacradas persoas cristiáns e sunnitas –a corrente islámica á que  se adscriben os xihadistas– que trataban de protexelas

Arredor de 10.000 sirias e sirios cruzaron ao norte do Líbano para salvar a vida, e 9.000 refuxiáronse na base militar rusa de Khmeimim. Múltiples persoas tamén fuxiron cara ás áreas boscosas, incendiadas polos xihadistas.

Precisamente na fronteira co Líbano, os xihadistas intercambiaron disparos co Exército libanés, tras denunciar tres mortes de fundamentalistas que atribuíron a Hezbolá.

Novo bombardeo turco

No nordés, controlado polos kurdos, Turquía lanzou un bombardeo que matou nove civís dunha mesma familia, polo que as autoridades kurdas reclamaron a Damasco que “asuma a responsabilidade polo asasinato dos seus cidadáns a mans doutros países”.