A Unión Europea cualifica de terrorista a Garda Revolucionaria de Irán e lexitima a invasión que planea Donald Trump
Xusto coincidindo co momento no que a ameaza dos Estados Unidos sobre Irán non deixa de medrar, a Unión Europea decidiu esta quinta feira estabelecer un novo paquete de sancións sobre o país persa.
En concreto, o Consello de Asuntos Exteriores, composto polos ministros e ministras do ramo, acordou pola mañá engadir un total de 21 persoas vinculadas ao Goberno de Irán no réxime de sancións por violacións dos Dereitos Humanos, anunciou o responsábel de Exteriores de Francia, Jean-Noël Barrot.
Segundo o xefe da diplomacia francesa, entre esas personalidades habería membros do Goberno, a Fiscalía, a Policía e a Garda Revolucionaria Islámica, así como outras entidades responsábeis do apagamento de internet que o país persa atribuíu a cuestións de seguridade. Ás 21 sancionadas prohíbeselles a entrada a territorio comunitario e conxélanselles os seus activos.
Xa pola tarde, e tras o cambio esta cuarta feira de opinión de Francia e do Estado español, que tiñan as posicións máis escépticas nun primeiro momento, a Unión Europea acordou incluír a Garda Revolucionaria na lista de organizacións terroristas, unha decisión na que se requiría unanimidade para a adopción.
Previamente, tamén se aprobou a proposta da Comisión Europea para dificultar a Tehran o acceso a compoñentes para a produción de drones e mísiles, unha cuestión que chega no marco dunha potencial agresión estadounidense sobre Irán logo do intenso despregue que o Exército dos EUA na rexión.
En palabras da alta representante da Unión Europea para Política Exterior, Kaja Kallas, con estas medidas, a alianza comunitaria busca enviar unha mensaxe a Irán de que "se reprimes o pobo, ten un prezo e serás sancionado por iso".
Con todo, a represión por parte das autoridades iranianas non se trata dunha cuestión recente, polo que a escolla deste momento para introducir na axenda pública as represalias contra Irán implica na práctica unha lexitimación das ameazas do presidente dos EUA, Donald Trump.
Precisamente nunha mensaxe privada do presidente francés, Emmanuel Macron, ao seu homólogo dos EUA, publicada polo propio Trump, o representante galo dicía ao estadounidense que "estamos totalmente de acordo no que respecta a Siria", así como que "podemos facer grandes cousas con Irán". Unha conversa que deixa entrever, non estando Francia dentro da Unión Europea nas posicións máis proclives á escalada na rexión, a posíbel implicación comunitaria nunha potencial agresión contra Irán e unha posición tendente a lexitimar os intereses dos EUA en Oriente Medio.
A pesar do intento dos Estados Unidos e da Unión Europea por situar a represión como motivo fundamental das súas accións contra o país persa, funcionarios estadounidenses sinalaron esta semana o medio estadounidense Axios que calquera trato tería que incluír a retirada de todo uranio enriquecido de Irán, a limitación do seu arsenal de mísiles de largo alcance, un cambio na política iraniana de apoio aos seus socios na rexión e a prohibición do enriquecemento de uranio independente no país.
Reforzo militar iraniano
O comandante xefe do Exército iraniano, Amir Hatami, anunciou esta quinta feira o despregue de 1.000 drones para reforzar as súas forzas e asegurou que haberá unha "resposta contundente" por parte de Irán en caso dunha intervención militar estadounidense. "De acordo coas ameazas que se aveciñan, preservar e mellorar as vantaxes estratéxicas para un combate rápido e unha resposta esmagadora a calquera invasión é sempre o obxectivo do Exército", expresou Hatami. O comandante xefe explicou que estes drons foron deseñados por expertos do Exército e en cooperación co Ministerio de Defensa, tendo en conta as "novas ameazas e os ensinos" da guerra dos 12 días, a ofensiva militar lanzada por Israel en xuño de 2025 á que posteriormente se sumaron os EUA con bombardeos contra tres instalacións nucleares.
Irán insiste en que lanzará unha "resposta contundente" se sofre un ataque
Neste contexto, Rusia advertiu esta quinta feira do "caos" en toda a rexión que pode desatar calquera ataque contra Irán. "É evidente que o potencial negociador en Irán está lonxe de esgotarse. E, por suposto, neste sentido, o enfoque principal debe estar nos mecanismos de negociación", asegurou o portavoz do Goberno ruso, Dimitri Peskov, quen pediu a todas as partes que "exerzan contención e renuncien ao uso da forza". "Calquera acción de forza só pode crear caos na rexión e ter consecuencias moi perigosas en termos de desestabilización do sistema de seguridade", sinalou.
Pola súa parte, o representante permanente da China ante a ONU, Fu Cong, advertiu contra as "aventuras militares dirixidas contra Irán" e exhortou todas as partes que acaten os propósitos e principios da Carta das Nacións Unidas e se opoñan á inxerencia nos asuntos internos doutros países. "China espera que os Estados Unidos e outras partes pertinentes escoiten o chamado da comunidade internacional e dos países da rexión, tomen máis medidas que contribúan á paz e a estabilidade no medio Oriente, e eviten exacerbar as tensións e botar leña ao lume", afirmou o representante chinés.
O barril de petróleo Brent alcanza xa os 70 dólares
Os barrís de petróleo Brent, de referencia en Europa, alcanzaron esta quinta feira un valor de ao redor de 70 dólares (perto de 59 euros), o seu nivel intradía máis alto desde setembro de 2025, impulsado polo aumento do risco xeopolítico en Oriente Medio tras as novas ameazas do presidente dos EUA, Donald Trump, a Irán. Deste modo, o barril Brent avanzou máis de 2,5 %, mentres que el West Texas Intermediate, de referencia nos EUA, roldou os 64 dólares, na terceira xornada consecutiva de aumentos.
Ameaza continua
A suba do prezo dos barrís de petróleo cru coincide cun contexto de ameaza continua dos EUA sobre Irán. Neste sentido, esta quinta feira coñecéronse máis detalles sobre os plans de agresión. Segundo publicou a CNN citando fontes da contorna da Casa Branca, Trump está considerando un novo grande ataque como persuasión para que o Goberno iraniano limitar o programa nuclear.
O cru encadea a terceira xornada de suba ante a tensión xeopolítica
As opcións que agora considera inclúen ataques aéreos militares estadounidenses contra os líderes iranianos e os funcionarios de seguridade, así como ataques contra instalacións nucleares e institucións gobernamentais de Irán. Con todo, apunta o medio, Trump aínda non tomou unha decisión definitiva sobre como proceder.