A UCO irrompe en varias sedes de Acciona por unha peza separada do 'caso Koldo'

Logotipo de Acciona na súa sede de Madrid. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

A Unidade Central Operativa da Garda Civil irrompeu esta sexta feira en varias sedes de Acciona en Madrid e Bilbo no marco dunha peza separada do 'caso Koldo' que implica o ex número tres do PSOE Santos Cerdán. As actuacións, que inclúen tamén requirimentos a empresas de Sevilla e Donostia, céntranse en presuntas irregularidades en adxudicacións de obra pública e na relación de Cerdán e Koldo García con varias UTE vinculadas á compañía desde 2015.

Axentes da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil presentáronse esta sexta feira en varias sedes da empresa Acciona no marco dunha peza separada do 'caso Koldo' que se investiga en segredo no Tribunal Supremo e que afecta o ex secretario de Organización do PSOE Santos Cerdán.

Fontes da investigación confirmaron que os rexistros desenvolvéronse en dependencias da compañía en Madrid e Bilbo. Noutras empresas con sede en Sevilla e en Donostia tamén se practicaron actuacións, no primeiro caso mediante un requirimento de información e no segundo, a través de novas inspeccións relacionadas coa mesma derivada.

A liña que apunta a Cerdán e ás UTE investigadas

Esta peza separada nace do informe da UCO que provocou a dimisión de Santos Cerdán como deputado e como número tres do PSOE. No documento, os axentes apuntaban a posíbeis irregularidades en adxudicacións de obra pública e ao presunto cobro de comisións por parte de Cerdán, do ex ministro de Transportes José Luis Ábalos e do seu antigo asesor Koldo García.

Segundo a investigación, a operativa tería comezado en Nafarroa —área de influencia tanto de Cerdán como de Koldo— arredor de 2015, e mantería "unha continuidade temporal" nas relacións entre o asesor e Acciona. Un dos focos é unha explotación mineira de potasa entre Nafarroa e Aragón que contratou a Acciona nunha Unión Temporal de Empresas (UTE) con Servinabar, pequena mercantil vinculada ao empresario Antxon Alonso, considerado "amigo" de Cerdán.

A partir dese punto, o Supremo pediu máis información para analizar varias UTE formadas por Acciona con empresas de menor entidade, en procura de presuntas prácticas irregulares.

Cerdán, en prisión provisional; Ábalos e Koldo, a un paso de xuízo

Santos Cerdán permanece en prisión provisional desde o pasado 30 de xuño como presunto cabeza da trama de obra pública. O xuíz instrutor, Leopoldo Puente, avanzou en varios autos que prevé ordenar a súa posta en liberdade antes de que remate o prazo legal de seis meses —que conclúe o 30 de decembro— unha vez aseguradas certas probas pendentes.

Pola súa banda, José Luis Ábalos e Koldo García, investigados pola suposta trama de máscaras, continúan en liberdade pero con medidas cautelares: retirada de pasaporte, prohibición de saír do Estado español e comparecencias quincenais ante o xulgado. As mesmas medidas recaen sobre o ex directivo de Acciona Fernando Merino e sobre Antxon Alonso, propietario de Servinabar.