Trump sobe até 50% os aranceis a India por comprar petróleo a Rusia
O Goberno indio anunciou que tomará as "accións necesarias" para protexer os seus intereses
O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, asinou esta cuarta feira unha orde executiva para impor aranceis adicionais de 25% á India como represalia por comprar petróleo a Rusia. A Administración Trump xa impuxera un arancel de 25% aos bens importados de India, de forma que o gravame total elévase a 50%. Isto entrará en vigor o vindeiro 27 de agosto.
Con todo, hai algúns nichos importantes, como a electrónica e a industria farmacéutica, que seguen exentos desta taxa adicional. Se isto chega a cumprirse, a India afrontará o gravame máis elevado xunto con Brasil.
O Goberno indio, pola súa parte, cualificou de "inxustificados, irrazonábeis e extremadamente desafortunados" estes novos aranceis, e advertiu de que "tomará todas as accións necesarias para protexer os seus intereses nacionais".
"É extremadamente desafortunado que EUA elixa impor aranceis adicionais á India por accións que moitos outros países tamén están a levar a cabo no seu propio interese nacional", sinalou nunha declaración oficial.
Trump xa anunciara esta segunda feira que elevaría os aranceis á India porque estaba a comprar "cantidades masivas de petróleo ruso". "Non lles importa cantas persoas en Ucraína estean a ser asasinadas pola maquinaria de guerra rusa", expresou entón o líder republicano na súa plataforma Truth Social.
Unhas declaracións moi similares ás que xa fixo a finais de xullo, cando estaba a negociar a imposición dun arancel de 25% aos bens indios e sinalou que, aínda que a India é "a súa aliada", tamén é "o maior comprador de enerxía a Rusia", xunto con China.
A India pasou de importar menos do 2% do seu petróleo desde Rusia a máis dun terzo, de modo que Moscova converteuse no seu principal provedor aproveitando os descontos ofrecidos polo Kremlin.