Trump resucita a guerra arancelaria e anuncia taxas de 25% para todos os países "que manteñan relacións comerciais" con Irán

Donald Trump, presidente dos Estados Unidos. (Foto: Andrew Leyden / Zuma Press)
A aplicación de novos gravames contra nacións como a China ou a India ameaza con resucitar a guerra arancelaria despois da tregua acordada con Beijing e a apertura de negociacións con Nova Deli.

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou esta terza feira a imposición dun arancel do 25% ás importacións de todos os países "que manteñan relacións comerciais" con Irán, o que supón unha nova escalada das tensións co país persa.

"Con efecto inmediato, calquera país que manteña relacións comerciais coa República Islámica de Irán pagará un arancel do 25% sobre todas e cada unha das transaccións comerciais que realice cos Estados Unidos de América. A presente orde é definitiva e concluínte", afirmou Trump.

A medida anunciada polo presidente dos Estados Unidos trata de presionar Tehran a conta das protestas que se están a desenvolver durante as últimas semanas. Con todo, tamén trata de obrigar os socios de Irán a que corten relacións co país.

Neste sentido, a aplicación de novos gravames contra nacións como a China ou a India ameaza con resucitar a guerra arancelaria despois da tregua acordada con Beijing e a apertura de negociacións con Nova Deli ao redor da redefinición dos fluxos comerciais cos EUA.