Trump nomea Susie Wiles como primeira muller á fronte do Gabinete
Os republicanos manteñen a vantaxe na Cámara de Representantes.
Unha vez confirmado o seu triunfo nas eleccións presidenciais, o republicano Donald Trump comezou a esbozar o seu Executivo, e designou na madrugada da sexta feira Susie Wiles como xefa de Gabinete.
Wiles, que será a primeira muller en ocupar o posto, foi a responsábel de deseñar a campaña electoral que lle permitiu facerse cun segundo mandato na Casa Branca despois de dirixir o país no período 2017-2021.
A estratega política, que conta cunha carreira de catro décadas, tería posto como condición para aceptar o cargo manter a capacidade de decisión da que xa gozou durante a campaña á hora de dirimir quen pode achegarse ao mandatario, evitando a súa asociación con persoeiros que puideran afectar o seu desempeño no electorado moderado.
Entrementres, proseguiu o reconto das papeletas para os órganos lexislativos, no que a principal dúbida, unha vez que o Partido Republicano xa se garantiu o control do Senado, é en que mans fica a Cámara de Representantes, dominada até o de agora polo Partido Demócrata.
Á hora do feche desta edición os republicanos aseguraran 211 distritos, con 199 para os demócratas. A maioría na Cámara Baixa está fixada en 218 escanos. A pesar da confianza republicana en sumar cando menos sete asentos máis, o que daría vía libre á implementación íntegra das políticas de Trump, os demócratas insisten en que aínda teñen posibilidades de conservar o control.
Sexa como for, en boa parte dos distritos máis competidos, os que determinarán de que lado fica a maioría, os republicanos lideran os escrutinios.
Amais, Trump estaba perto de facerse con Nevada, un dos dous Estados aínda por decidir das presidenciais.