Trump estrea a 'Xunta de Paz' cunha ameaza de guerra e di sobre un posíbel ataque a Irán: "Saberano probabelmente nos próximos dez días"

Donald Trump, esta quinta feira 19 de febreiro na 'Xunta de Paz'. (Foto: The White House)
A acumulación de forzas que están a concentrar os Estados Unidos en Oriente Medio non presaxian a paz. O Exército dos EUA, xa tería informado ao presidente estadounidense, Donald Trump, de que estaría preparado para atacar Irán a partir do sábado. Este dá un prazo de "10 días" para tomar unha decisión.

Cada día que pasa a tensión é maior en Oriente Medio, a proba disto son as reaccións a nivel internacional. O Exército de Alemaña retirou de forma "temporal" parte do seu continxente na cidade de Erbil, a capital da rexión semiautónoma do Curdistán iraquí, a causa das "crecentes tensións". O Goberno de Polonia reclamou esta quinta feira á súa cidadanía en Irán que abandone o país "inmediatamente" posto que "a posibilidade dun conflito é moi real". E, neste contexto, durante os próximos tres días, os Estados Unidos trasladarán temporalmente parte do seu persoal fóra da rexión, segundo informaron altos cargos da Administración a CBS News.

Estas son só algunhas das mostras de que existe un clima bélico que se estende desde o golfo Pérsico ao resto do mundo xusto cando o líder estadounidense, Donald Trump, fai fachenda de ser "o presidente da paz" [como afirmou esta quinta feira na recentemente estreada 'Xunta de Paz']. Segundo o citado xornal, o Exército dos EUA informou Trump de que está preparado para atacar este mesmo sábado, aínda que este non tería tomada a decisión definitiva.

"Agora pode que teñamos que ir un paso máis alá, ou pode que non. Talvez cheguemos a un acordo", aseverou esta quinta feira Trump. "Saberano probabelmente nos próximos dez días", vaticinou cunha clara ameaza belicista que, de forma paradoxal, pronunciou no discurso inaugural do que el bautizou como 'Xunta de Paz'.

A portavoz da Casa Branca, Karoline Leavitt, recoñeceu esta quinta feira de forma implícita a información sobre a preparación dun ataque inminente. "O presidente [Trump] toma moi en serio" estas conversas cos seus asesores e "sempre pensa no que máis convén aos Estados Unidos, ás nosas Forzas Armadas, ao pobo estadounidense", sinalou. "Así é como toma decisións con respecto a calquera tipo de acción militar", afirmou.

"Os Estados Unidos están a enviar un número significativo de avións de combate e avións de apoio a Oriente Medio, reunindo a maior cantidade de poder aéreo na rexión desde a invasión de Iraq en 2003", destacou o xornal estadounidense Wall Street Journal.

Trump incluso falou de posíbeis localizacións a empregar para posíbeis ataques, sinalando a illa de Chagos, recentemente cedida polo Reino Unido a Mauricio. "Se Irán decide non chegar a un acordo, pode ser necesario que os Estados Unidos utilicen Diego García e o aeródromo situado en Fairford para erradicar un potencial ataque dun réxime altamente inestábel e perigoso", aseverou.

Con todo, segundo informou esta quinta feira o diario británico The Times, o Reino Unido estase a negar a ceder bases do seus territorio, como a de Fairford, para un eventual ataque dos Estados Unidos contra Irán, unha posición que sería adoptada como represalia pola retirada do apoio de Trump á cesión da illa de Chagos a Mauricio. 

Ademais, o USS Gerald R. Ford, o maior portaavións do mundo, diríxese a Oriente Medio. Nas últimas horas estaba nas inmediacións do estreito de Xibraltar para cruzar ao Mediterráneo antes de unirse ao USS Abraham Lincoln acompañado do seu grupo de combate e de máis de medio centenar de cazas, incluídos F‑22 e F‑35, logo de emprender a marcha a terza feira desde o Atlántico, segundo informou o xornal estadounidense The New York Post.

A portavoz da Casa Branca tamén insistiu nas "moitas discrepancias" entre os Estados Unidos e Irán. "Creo que a Administración e o Departamento de Estado informáronos de que houbo algúns avances, mais aínda hai moitas discrepancias nalgúns temas, o presidente seguirá observando a evolución", concluíu Leavitt.

Trump tamén se pronunciou sobre as negociacións. O presidente aseverou que o enviado especial dos EUA para Oriente Medio, Steve Witkoff, e o seu xenro Jared Kushner, tiveron "boas reunións" cos representantes de Tehran. "Tiveron reunións moi interesantes relacionadas con Irán que, como saben, é un punto de conflito neste momento, e estanse reunindo e teñen unha boa relación", sostivo.

Neste contexto, Trump destacou que a historia "demostrou que non é fácil chegar a un acordo significativo" con Tehran, mais os dous países teñen que facelo. "Temos que chegar a un acordo significativo, pola contra, sucederán cousas malas", advertiu.

Irán e Israel

O presidente de Irán, Masoud Pezeshkian, afirmou esta quinta feira que o país non busca un enfrontamento cos Estados Unidos. "Non queremos loitar, creo que debemos deixar a guerra de lado, mais se queren obrigarnos, debemos pregarnos a calquera prezo? Paréceme inaceptábel que Irán se pregue", dixo.

Ao tempo, Israel pensa nas represalias que puidese tomar o país persa. "Irán enfrontará unha resposta inimaxinábel se ataca Israel, estamos preparados para calquera escenario", manifestou esta quinta feira o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu.

E desde outras latitudes chaman á calma. "Esperamos que os medios políticos e diplomáticos prevalezan", manifestou o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, mentres que o portavoz de Exteriores da Comisión Europea Anouar El Anouni, pediu ás partes "unha oportunidade para a diplomacia".

O estreo da 'Xunta de Paz' deixa Gaza nun segundo plano

Unha estrea da 'Xunta de Paz' orientada á Faixa de Gaza converteuse nunha ameaza de guerra sobre Irán, cuestión na que se centrou a axenda mediática tras a cimeira. Con todo, tamén houbo espazo para a cuestión palestina nunha cita á que non acudiron nin a China nin Rusia. O presidente dos EUA, Donald Trump, tras facer ver que vía Gaza como un territorio no que facer negocio, afirmou que a súa Administración ten previsto destinar 10.000 millóns de dólares (8.400 millóns de euros) á 'Xunta de Paz', co obxectivo de "resolver os conflitos internacionais e iniciar a misión de reconstruír a Faixa". 

"Limpeza étnica" e falta de lexitimidade

A lexitimidade da 'Xunta de Paz' impulsada por Trump non só está cuestionada polo xenocidio que Israel perpetra en Gaza nin pola participación deste Estado, un dos principais aliados dos EUA, na mesma. Tamén o está pola "limpeza étnica", en palabras de Nacións Unidas, que Israel impulsa tanto na Faixa como en Cisxordania. "Os traslados forzosos, que parecen ter como obxectivo un desprazamento permanente, suscitan preocupación pola limpeza étnica", destacou esta quinta feira un informe da oficina do Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.