Trump critica o fallo do Supremo sobre a legalidade de gran parte dos seus aranceis

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump (centro), na rolda de prensa na que fixo unha declaración sobre a decisión arancelaria do Tribunal Supremo. Foto: Andrew Leyden/ZUMA Press Wire/dpa
O goberno de Trump recorrerá agora a outras leis, principalmente o código comercial de 1974, para seguir impoñendo aranceis a todas as importacións

O  presidente Donald Trump respondeu á sentenza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos que anulou os amplos aranceis que impuxera a varias importacións, despois de que o alto tribunal concluíse que se excedera na súa autoridade legal en materia comercial.

Coa decisión, eses aranceis quedaron legalmente inválidos e xa non se poden aplicar como se estableceu orixinalmente. A sentenza representa un revés significativo para a estratexia comercial da Casa Branca e redefine os límites do poder presidencial neste ámbito.

 

 

A resposta do presidente dos Estados Unidos prodúcese en medio dun escenario de impacto económico e político para a súa axenda comercial. Nunhas declaracións desde Casa Branca, Trump criticou os xuíces, cualificando a decisión como un erro que, na súa opinión, debilita a capacidade dos Estados Unidos para defender os seus intereses comerciais. Afirmou que o fallo limita inxustamente o seu poder para responder ao que considera prácticas comerciais desleais doutros países e sostivo que o Tribunal ignorou o contexto económico e estratéxico que motivou a imposición dos aranceis.

O líder republicano cualificou a decisión do tribunal, tomada por 6 votos a favor e 3 en contra, como unha "vergoña" e eloxiou os xuíces que votaron en contra da sentenza que declarou ilegais os aranceis emitidos en virtude dunha lei de emerxencia.

O goberno de Trump recorrerá agora a outras leis, principalmente o código comercial de 1974, para seguir impoñendo aranceis a todas as importacións. O Tribunal Supremo dos Estados Unidos decidiu que a Lei de Poderes Económicos de Emerxencia Internacional (IEEPA), invocada polo republicano para xustificar os aranceis, non é aplicábel nestes casos.

“Asinarei unha orde para impor un arancel global do 10 % ao abeiro da Sección 122 (da Lei de Comercio de 1974), ademais dos aranceis regulares que xa se están a cobrar. Tamén estamos a iniciar varias investigacións ao abeiro da Sección 301 e outras, para protexer o noso país de prácticas comerciais desleais por parte doutros países e empresas”, declarou Trump.