Trump confirma que autorizou operación encubertas da CIA en Venezuela: "Definitivamente temos na mira a parte terrestre agora mesmo"

O presidente dos EUA, Donald Trump. (Foto: Harrison Koeppel / The White House)
Caracás denuncia que as accións dos EUA "configuran unha política de agresión, ameaza e fustrigación contra Venezuela", consistente na lexitimación "dunha operación de cambio de réxime" cuxo propósito sería "apropiarse dos recursos petroleiros venezolanos".

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, confirmou esta cuarta feira que autorizou á Axencia Central de Intelixencia dos EUA (CIA) operar en Venezuela. Segundo expresou o mandatario norteamericano, a autorización deuna por "dúas razóns".

En primeiro lugar, porque considera que Venezuela baleirou "as súas prisións" cara aos Estados Unidos, aínda que ao seu xuízo, con todo, os criminais chegaron aos EUA porque tiñan "unha política de fronteira aberta". "Moitos, moitos países o fixeron, mais non como Venezuela", salientou en rolda de prensa.

E a segunda razón, agregou, é que "temos moitas drogas vindo de Venezuela. E moitas das drogas venezolanas veñen a través do mar". Antes de que Trump o confirmase, The New York Times, citando funcionarios estadounidenses, filtrou que o presidente aprobara secretamente que a CIA a realizase actuacións encubertas en Venezuela.

Consultado sobre se a CIA "ten autoridade para sacar" ao presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, do poder, o mandatario estadounidense evitou contestar. "Non quero contestar esa pregunta, é unha pregunta ridícula. Sería ridículo que respondese esa pregunta. Mais creo que Venezuela está a sentir a presión, mais penso que moitos países tamén están a sentir a presión", afirmou.

Durante a súa intervención desde a Casa Branca, Trump, ademais, revelou se considera ordenar ataques terrestres contra Venezuela. "Non quero dicilo exactamente, mais definitivamente temos na mira a parte terrestre agora mesmo", dixo. "Detivémolo por mar, agora deterémolo por terra", manifestou respecto ao narcotráfico.

Para xustificar a súa posíbel medida, mencionou que as forzas estadounidenses levan "un par de días sen atopar un só barco". Isto foi o que dixo, a pesar de que a terza feira el mesmo informou dun "ataque cinético" contra unha presunta 'narcolancha', que deixou outras seis persoas falecidas.

Desde setembro pasado, efectivos militares dos EUA atacaron barcos pequenos en augas do Caribe, perto de Venezuela, coa alegación de que se trataban de 'narcolanchas' cuxo destino eran os Estado Unidos. Segundo os seus propios datos, coa última operación, ascenderían a 27 as persoas asasinadas en alta mar.

Caracas denuncia a "agresión"

En resposta, o Goberno de Venezuela rexeitou esta cuarta feira as declaracións de Donald Trump, nas que admitiu autorizar "operacións" encubertas da CIA en territorio venezolano. "A República Bolivariana de Venezuela rexeita as declaracións belicistas e extravagantes do presidente dos EUA, nas que admite publicamente autorizar operacións para actuar contra a paz e a estabilidade de Venezuela", comunicou o chanceler Yván Gil.

"Esta afirmación sen precedentes constitúe unha gravísima violación do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas, e obriga á comunidade de países a denunciar estas afirmacións que son dunha forma evidente inmoderadas e inconcibíbeis", engadiu o representante do Executivo venezolano sobre as palabras de Trump.

Neste sentido, Caracas cualificou como unha situación de "extrema alarma o uso da CIA, así como os despregamentos militares anunciados no Caribe" e valorou que estas accións "configuran unha política de agresión, ameaza e fustrigación contra Venezuela", consistente na lexitimación "dunha operación de cambio de réxime" cuxo propósito sería "apropiarse dos recursos petroleiros venezolanos".