Putin presenta a ratificación do acordo de asociación estratéxica e cooperación con Venezuela en plena escalada de tensión no Caribe
Xusto na xornada seguinte a que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, confirmara que autorizou á Axencia Central de Intelixencia dos EUA (CIA) realizar operación encubertas en Venezuela, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, presentou esta quinta feira á Duma Estatal (a Cámara Baixa do Parlamento ruso) o tratado de asociación estratéxica e cooperación entre Caracas e Moscova para que sexa ratificado.
O pacto, que amplía a cooperación entre Rusia e Venezuela en diversos ámbitos, foi asinado por Vladímir Putin e o seu homólogo venezolano, Nicolás Maduro, en maio deste ano. Agora, en pleno auxe das tensións entre os Estados Unidos de América e o Estado caribeño, Putin aposta por facer firme esta alianza estratéxica.
O documento sinala que Moscova e Caracas teñen a vontade de desenvolver e fortalecer a cooperación multifacética e mutuamente beneficiosa e ampliar a asociación no ámbito do comercio, a economía, os investimentos, a ciencia, a tecnoloxía e a cultura. O acordo rexerá por 10 anos e renovarase automaticamente cada cinco.