Trump anuncia unha suspensión da inmigración aos EUA

Valado que separa México dos EUA, no control fronteirizo de Nuevo Laredo en agosto do ano pasado (Polaris)

O presidente estadounidense, albo das críticas pola xestión da cruise do coronavirus, a través da súa conta do Twitter sen dar detalles sobre a súa duración.

"Á luz do ataque do inimigo invisíbel, ademais da necesidade de protexer os traballos dos nosos grandes cidadáns estadounidenses, procederei a asinar unha orde executiva para suspender temporalmente a inmigración aos Estados Unidos".

Este é o chío publicado no Twitter polo presidente estadounidense, Donald Trump, pasadas ás 22 horas desta segunda feira, 20 de abril, (as 4 horas da madrugada da terza feira na Galiza). O mandatario non ofreceu máis explicacións nin detalles sobre a medida, como canto tempo durará esta suspensión.

A principios de febreiro, Trump prohibiu a entrada a territorio estadounidense a todos os estranxeiros que estivesen na China nos 14 días anteriores. E en marzo vetou o acceso aos estranxeiros que puidesen ser considerados como un perigo para a saúde pública e suspendeu todas as viaxes ao país norteamericano desde Europa.

Nesta mesma segunda feira, os Estados Unidos, o Canadá e México acordaron ampliar un mes máis as restricións nas súas respectivas fronteiras, vixentes desde o 21 de marzo, que só permanecerán abertas para viaxes esenciais.

A ese chío de Donald Trump seguiron outros varios seguidos, co albor dun novo día, onde carga contra os medios de comunicación, aos que acusa de fabricar fake news (noticias falsas). O presidente estadounidense está a ser obxecto de duras críticas pola xestión da crise do coronavirus.