Donald Trump ameaza con atacar Irán se non acata as súas exixencias no pacto nuclear
Donald Trump, o presidente dos EUA, considera realizar "un ataque limitado" inicial como exercicio de presión contra Irán para que acepte as pretensións do seu Executivo en materia nuclear. Este primeiro paso, que podería ter lugar nas próximas horas ou días, sería independente dunha eventual campaña militar a grande escala no caso de que non haxa un acordo definitivo de cara ao futuro.
A información do Wall Street Journal foi corroborada polo presidente dos Estados Unidos. "Que se estou a considerar un ataque limitado contra Irán? O máis que podo dicir é que mo estou pensando. Supoño que mo estou pensando", afirmou ao ser preguntada por ela. O albo deste primeiro ataque serían instalacións militares ou gobernamentais iranianas e o seu alcance sería limitado coa intención de minimizar as represalias do país persa e unha escalada en Oriente Medio.
Todo isto nun contexto no que a Administración Trump aínda espera continuar coas conversas arredor das condicións que os Estados Unidos queren impor ao Irán, as cales incluirían a limitación ou eliminación do programa de mísiles balísticos de Tehran, o punto máis complicado das negociacións, posto que as autoridades iranianas consideran que isto deixaría o país sen poder de disuasión para defender a soberanía.
Con todo, desde Irán insisten, tamén na cuestión do seu programa nuclear con fins civís, que a forza non pode ser a base para chegar a un acordo. "Unha cousa que debo destacar é que non existe unha solución militar para o programa nuclear do Irán. Iso xa se comprobou o ano pasado, cando se produciron ataques masivos contra as nosas instalacións. Eles mataron e asasinaron os nosos científicos, mais non puideron acabar co noso programa nuclear", afirmou o ministro de Exteriores iraniano, Abbas Araqchi.
"Se alguén busca unha solución para o programa nuclear do Irán e quere garantir que siga sendo pacífico, o único camiño é a negociación e unha solución diplomática", subliñou Araqchi, engadindo que "por iso os Estados Unidos volveron á mesa de negociacións e buscan un acordo".
A este respecto, segundo sinala a información de Wall Street Journal, ao primeiro ataque limitado dos Estados Unidos, de producirse e non conseguir que Irán acate a condición de pór fin ao enriquecemento de uranio, seguiríao unha campaña máis ampla contra instalacións do país persa, co potencial de apuntar o propio liderado de Tehran.
Mais desde Irán din non estar dispostos a recibir un ataque e limitar as súas represalias. Nunha carta dirixida ao secretario xeral da ONU, António Guterres, e aos membros do Consello de Seguridade, o país persa advertiu de graves consecuencias se os Estados Unidos deciden atacalo.
"Irán declarou reiteradamente, ao máis alto nivel, que non busca nin tensión nin guerra e que non iniciará ningunha guerra. Con todo, no caso de que sexa obxecto dunha agresión militar, Irán responderá de maneira decisiva e proporcional, en exercicio do seu dereito inherente á lexítima defensa, en virtude do Artigo 51 da Carta das Nacións Unidas", di o documento asinado polo representante permanente do país ante a ONU, Amir Saeid Iravani.
Así, Irán advirte na misiva que en caso dun ataque, "todas as bases, instalacións e activos da forza hostil na rexión constituirían obxectivos lexítimos no contexto da resposta defensiva do Irán. Os Estados Unidos asumiría a responsabilidade plena e directa de calquera consecuencia impredicíbel e incontrolada".
Con todo, a carta comeza apelando a parar a agresión. "Irán insta á súa Excelencia e a todos os membros do Consello de Seguridade a que exerzan plenamente a autoridade e os bos oficios do Consello para garantir que os Estados Unidos cesen de inmediato as súas ameazas ilícitas do uso da forza e se absteñan de calquera acción que poida agravar aínda máis as tensións ou conducir a unha confrontación militar, cuxas consecuencias serían graves e de grande alcance para a paz e a seguridade rexional e internacional".
Nesta liña, Araqchi insistiu unha vez máis na aposta iraniana polo diálogo. "Primeiro de nada, non consideramos ao pobo estadounidense como o noso inimigo. Consideramos hostís as políticas do Goberno dos Estados Unidos contra Irán. Cando cesen esas hostilidades, talvez poidamos empezar a pensar nun tipo de relación diferente", manifestou.
Borrador de negociación
Neste contexto, Araqchi afirmou que Irán terá listo un borrador para negociar un acordo nuclear cos EUA cando se reúnan de novo. "A próxima vez que nos vexamos, comezaremos a negociar sobre o borrador que estamos a preparar e concluirémolo cun pouco de sorte", explicou antes de asegurar que a delegación iraniana non recibiu ningún ultimato da estadounidense. A negociación, sinalou o iraniano, foi "normal para o que son unhas conversacións internacionais".
"Os Estados Unidos queren un acordo rápido e nós tamén", dixo. Deste modo, desmentiu as "especulacións" sobre que a posíbel suspensión total do seu programa de enriquecemento de uranio estivese sobre a mesa como exixencia negociadora dos EUA. "Nin nós a propuxemos, nin a parte estadounidense a solicitou", concluíu o diplomático.
O Exército de Israel declara que está en "alerta máxima"
O Exército de Israel afirmou que está en "alerta máxima" no medio do extenso despregue militar dos Estados Unidos en Oriente Próximo e as recentes ameazas do presidente dos EUA, Donald Trump, sobre un posíbel ataque contra Irán.
"As Forzas de Defensa de Israel están en alerta máxima, cos ollos ben abertos en todas direccións", expresou o portavoz militar israelí, o xeneral Effie Defrin, quen confirmou que supervisan de forma constante os acontecementos rexionais ante "calquera cambio na realidade operativa".
Tehran e Moscova estudan o escenario
Os ministros de Exteriores de Rusia e Irán, Sergei Lavrov e Abbas Araqchi, mantiveron unha conversación telefónica para "intercambiar puntos de vista sobre a situación ao redor do programa nuclear iraniano, incluídos os resultados das conversacións indirectas irano-estadounidenses en Xenebra".
Lavrov "reafirmou o seu apoio ao proceso de negociacións, destinado a lograr solucións políticas e diplomáticas xustas que respecten os dereitos lexítimos de Irán, en liña cos principios do Tratado de Non Proliferación Nuclear". Á súa vez, Araqchi aplaudiu "as posicións construtivas e posicións de Rusia en círculos internacionais".