O Tribunal Supremo dos Estados Unidos tomba gran parte dos aranceis de Trump, que anuncia un gravame "global" de 10%

Donald Trump, o pasado 18 de febreiro. (Foto: Kyle Mazza / TheNEWS2 via ZUMA Pre / DPA)
Miles de empresas afectadas poderían reclamar polo prexuízo ocasionado. O presidente carga contra os maxistrados: "Son unha vergoña para a nación".
 

O Tribunal Supremo de Estados Unidos pronunciouse onte en contra de que a Lei de poderes económicos de emerxencia internacional (Ieepa, polas súas siglas en inglés) outorgue ao presidente do país a capacidade de impór os chamados aranceis recíprocos, no que supón a maior derrota de Donald Trump ata a data desde o seu regreso á Casa Branca. "A Ieepa non autoriza o presidente a impor aranceis", conclúe o alto tribunal, de maioría conservadora, que por 6 votos a 3 apoiou a sentenza dun tribunal inferior que sinalara que o recurso a esta lei de 1977 excedía a autoridade de Trump.

Desta maneira, o Supremo rexeita a interpretación do Goberno estadounidense de que a Ieepa outorgaba ao mandatario a facultade de impor unilateralmente aranceis ilimitados e que non está suxeito ás significativas limitacións procesuais doutras leis arancelarias e subliña que a Casa Branca debe "aducir unha autorización clara do Congreso" para xustificar a súa extraordinaria atribución da facultade de impor aranceis a nivel global.

Os aranceis anunciados por Trump en abril de 2025 foron impugnados por unha ducia de estados do seu país e por empresas estadounidenses que consideran que o presidente se extralimitou ao impor os gravames mediante ordes executivas citando a Ieepa. A resolución do Supremo abre a porta a unha batalla legal na que miles de empresas afectadas polo encarecemento das importacións poderían reclamar reembolsos.

Após coñecer a sentenza do Supremo, Trump compareceu ante os medios para cargar contra os maxistrados e asegurar que "están en contra de calquera cousa que faga Estados Unidos forte, saudábel e grande de novo". "Son, francamente, unha vergoña para a nosa nación", dixo o mandatario, que anunciou tamén a imposición dun arancel extra de 10% con carácter "global".