Temer, na corda bamba
A presidencia de Michel Temer pode ter os días contados. As causas xudiciais abertas por financiamento ilegal, corrupción e obstrución á xustiza poderían desembocar na súa destitución. O mandatario continúa a perder apoios políticos a nivel parlamentar. Cunha desaprobación social de case o 90%, medra a contestación que reclama a súa saída e a convocatoria de eleccións presidenciais anticipadas. Deixamos aquí un extracto da información publicada ao respeito no Sermos Galiza 249.
Cando se vén de cumprir un ano da designación de Michel Temer como presidente do Brasil, após o golpe institucional contra Dilma Rousseff, son cada vez máis os sinais que apuntan na hipótese dun novo relevo na xefatura do Estado. Temer está na corda bamba, asediado por causas xudiciais por corrupción, cada vez máis isolado politicamente por unha significativa deserción dos seus apoios parlamentares e cun rexeitamento popular que non deixa de medrar.
A estratexia de Temer pasa por negar calquera responsabilidade e, sobre todo, por tentar dilatar ao máximo o proceso xudicial. Desta maneira, son numerosos os analistas que prognostican que un membro do tribunal podería solicitar un maior prazo para o estudo da causa, o que alongaría o xuízo. Aliás, no caso dunha sentenza desfavorábel, Temer con certeza apelaría, o que atrasaría a resolución definitiva da causa por meses. Esa apelación xeraría unha circunstancia imprevista na Constitución federal, o que obrigaría o tribunal a decidir se Temer estaría habilitado para continuar ou non na presidencia mentres non se resolva ese recurso. No entanto, unha sentenza culpabilizadora colocaría o actual mandatario nunha conxuntura política de moi difícil xestión, xa que alentaría a retirada de apoios políticos que poderían forzar a súa renuncia.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 249 de Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]