A televisión estatal iraniana cifra en 60 as mortes provocadas polo ataque de Israel
Irán cifra en 60 as mortes provocadas polo ataque israelí contra Teherán, entre elas 20 crianzas, mentres continúa o intercambio de misís entre ambos os estados. O bombardeo israelí afectou instalacións nucleares e un edificio residencial vinculado ao Ministerio de Defensa. En resposta, Teherán lanzou unha ofensiva contra Israel que deixou vítimas e feridos, elevando a tensión na rexión a niveis críticos.
Irán lanzou a última hora desta sexta feira arredor de 100 mísiles contra Israel en resposta á vaga de bombardeos israelís en varios puntos do territorio iraniano, incluíndo varias instalacións nucleares como a planta de enriquecemento de uranio de Fordo, situada na provincia de Qom.
A defensa aérea israelí interceptou a maioría dos mísiles, aínda que algúns alcanzaron o seu obxectivo, e as autoridades informaron de cando menos catro mortes e decenas de persoas feridas como resultado da ofensiva.
A Garda Revolucionaria de Irán confirmou nun comunicado o inicio da operación 'Verdadeira Promesa III' en resposta a 'León Nacente', as manobras militares desencadeadas durante a madrugada por Israel contra as instalacións nucleares iranianas e a cúpula militar da república islámica.
Como resultado de 'León Nacente', a televisión estatal de Irán informou este sábado de que un dos ataques israelís da sexta feira contra a capital do país, Teherán, deixou cando menos 60 mortes, entre eles 20 crianzas, tras alcanzar un edificio residencial vinculado ao Ministerio de Defensa.
Cando menos un mísil impactou na madrugada da sexta feira contra o complexo residencial Shahid Chamran, conformado por pisos de persoal do Ministerio, que quedou parcialmente derrubado no nordeste da capital, de acordo con Press TV, a canle internacional en inglés e francés da radiotelevisión pública iraniana (IRIB).
Con todo, as autoridades iranianas aínda non proporcionaron un balance oficial das vítimas dos ataques israelís. Autoridades locais e a Media Lúa Vermella de Irán estimaron en máis dunha decena de mortes pero medios como a axencia Fars estiman as persoas falecidas en perto de 80 e as feridas en máis de 300.
As conversas nucleares xa "non teñen sentido"
O ataque de Israel contra o programa nuclear de Irán levou á ruptura das conversas deste país cos EUA. O Goberno iraniano considera agora mesmo que xa "non hai motivos" que inciten a continuar este domingo as conversas co país norteamericano sobre seu o programa nuclear ao entender que Donald Trump tiña pleno coñecemento. Con todo, deixa a porta aberta á súa asistencia á xuntanza.
"A outra parte fixo algo que converteu o diálogo en algo que non ten sentido", denunciou o portavoz do Ministerio de Exteriores de Irán, Esmail Baqaei, en referencia aos EUA. "Non poden dicir que están negociando mentres ao mesmo tempo reparten responsabilidades e permiten a un réxime xenocida que ataque a integridade territorial de Irán", engadiu en declaracións recollidas no Tehran Times.
Para Baqaei resulta "inconcibíbel" que Israel "poida cometer semellante crime sen a aprobación dos EUA"; un "acto criminal", insistiu, "que excede todos os límites".
Non obstante, o voceiro engadiu que "aínda non está claro que decisión tomaremos respecto ao domingo", sabendo que Teherán entende que Israel quería, en parte, empregar os ataques para sabotar as conversas.