Tamén a CIA sitúa Felipe González na orixe dos GAL

Felipe González

Un documento agora desclasificado pola CIA vincula o daquela presidente 3spañol coa creación do grupo terrorista

Entre os documentos recentemente desclasificados pola CIA está un informe que contén as afirmacións máis claras feitas até agora que indican que Felipe González organizou os GAL e autorizou o asasinato como método de acción.

Este documento da CIA ten data do 19 de xaneiro de 1984 e forma parte das revisións periódicas dos servizos de intelixencia estadounidenses sobre o estado do terrorismo no mundo. A copia que publicou o xornal La Razón é "saneada", unha expresión que na argot CIA significa que foi revisada para evitar a publicación de datos que a poidan prexudicar. Por este motivo, aínda hai fragmentos que se eliminaron e non se poden ler.

Na páxina 17 o documento contén un extenso capítulo, asinado por Colin Winston, dedicado ao País Vasco e a España. Winston foi analista da CIA durante trinta e oito anos.

Este capítulo está escrito pouco despois dos primeiros atentados do GAL e implica o Goberno español e Felipe González. Despois de explicar que a CIA está convencida das actividades ilegais da policía española no estado francés, di que isto pode causar moito dano á reputación de Felipe González e do PSOE. E describe a situación deste parágrafo que traducimos a continuación. Eliminouse un texto que probablemente contiña o nome da persoa que informou á CIA sobre a decisión de "formar un grupo de mercenarios controlados polo exército para loitar contra terroristas fóra da lei".

"O goberno, con todo, parece decidido a adoptar unha estratexia pouco ortodoxa para loitar contra ETA. […] González está de acordo coa formación dun grupo de mercenarios baixo o control do exército para loitar contra terroristas, fóra da lei. […] Os mercenarios non teñen por que ser españois e parecen ter a misión de asasinar a líderes de ETA en España e Francia. Os autodenominados grupos antiterroristas de liberación, de natureza similar aos escuadróns fortemente armados previstos polo goberno, apareceron de feito no sur de Francia. Os GAL mataron dous coñecidos activistas da ETA-M no sur de Francia e secuestraron un empresario en Hendaia baixo sospeita de colaborar con terroristas. Madrid negou saber nada e ter unha conexión cos GAL, mais os políticos vascos, claramente convencidos da complicidade do goberno central, protestaron vehemente. A prensa española está chea de especulacións sobre a presenza das autoridades detrás dos GAL e o goberno de González dixo que está preparado para chegar onde sezxa necesario para extirpar ETA”.