Os inquéritos sitúan o independentismo como segunda forza nas eleccións de Gales

O Plaid Cymru obtería 12 dos 60 escanos da Asemblea Nacional nuns comicios nos que os Laboristas volverían ser vencedores (28 deputados), á beira da maioría absoluta na Cámara.

Gales (Cymru, en galés) ten en poucas semanas cita coas urnas para elexir os 60 parlamentares que integran a Asemblea Nacional (Cynulliad Cenedlaethol Cymru), o parlamento deste país que fai parte do Reino Unido. Segundo as enquisas , o independentista Plaid Cymru pasaría ser segunda forza, con 12 deputados (1 máis que nos comicios de 2011) e por volta do 20% dos sufraxios.

Os Laboristas volverían gañar en Gales, ao obter 28 escanos (tivo 30 en 2011). Descenderían significativamente os conservadores, que pasarían dos 14 deputados que posúen actualmente aos 10 que lle cocneden os inquéritos; e os liberais-demócratas, que atinxirían 2 deputados por 5 que lograron hai cinco anos.

Porén, entra con forza a dereita populista e británica que representa o UKIP. Na actualidade carece de representación no Parlamento de Gales mais as sondaxes vaticinan que podería obter até 8 deputados, pasando ser a cuarta forza da Cámara.

Retrocesos

Embora o ascenso que lle prognostican os inquéritos, o Plaid Cymru está lonxe de lograr resultados como os que acadou nas primeiras eleccións á Asemblea Nacional, en 1999, cando tivo 17 escanos. Nas pasadas eleccións británicas, os independentistas galeses obtiveron 3 escanos.