De Walton a Wertheimer e Thomson: estas son as 10 familias máis ricas do mundo

Rob Walton, que deixou este ano a xunta directiva de Walmart, comprou os Denver Broncos en 2022. (Foto: AFP7 / Europa Press)
A liñaxe Walton, a familia máis rica do mundo, teceu a súa fortuna grazas á multinacional estadounidense Walmart, a cadea de comercio polo miúdo máis grande do mundo, con sede en Bentonville, Arkansas.

Nun mundo onde a riqueza se concentra en poucas mans, as 25 familias máis adiñeiradas gañaron este ano 406.500 millóns de dólares en conxunto, aumentando a súa fortuna nun contexto de bonanza nos mercados financeiros, segundo un informe de Bloomberg. As seguintes son as primeiras 10 familias da 'clasificación' elaborada por este medio.

Familia Walton

Esta liñaxe teceu a súa fortuna grazas á multinacional estadounidense Walmart, a cadea de comercio polo miúdo máis grande do mundo, con sede en Bentonville, Arkansas. Cun patrimonio de 432.400 millóns de dólares, os descendentes de Sam Walton expandiron as súas ganancias a través da diversificación dos seus investimentos.

Este ano as accións de Walmart subiron 80%, o que elevou a riqueza combinada da dinastía en 172.700 millóns de dólares en 12 meses, eclipsando as fortunas da realeza dos Emiratos Árabes Unidos, que ocupou o primeiro posto na mesma lista o ano pasado.

Aínda que Walmart representa aproximadamente o 70% da fortuna familiar, os e as descendentes de Sam Walton xa non teñen funcións directas na compañía. O seu fillo Rob, de 80 anos, retirouse da xunta directiva este ano, despois de 46 anos formando parte.

Familia Al Nahyan

A familia Al Nahyan lidera desde hai décadas Abu Dabi, capital dos Emiratos Árabes Unidos, e fogar da maioría das súas vastas reservas de petróleo, mesmo antes de que a explotación do cru transformase radicalmente este Estado e a súa realeza.

O xeque Mohammed bin Zayed Al Nahyan, non só é o gobernador de Abu Dabi, senón que tamén é o presidente estatal. Outros integrantes da liñaxe ocupan postos clave no Goberno e en empresas privadas, consolidando o patrimonio familiar, estimado en 323.900 millóns de dólares.

Familia Al Thani

A liñaxe Al Thani goberna Qatar desde mediados do século XIX, sobrevivindo ás administracións otomás e británicas. A súa riqueza subiu notabelmente tras o descubrimento e posterior explotación dos vastos campos de gas en alta mar, transformando o emirato e as súas clases dirixentes. O número dos integrantes cóntase por miles, aínda que o poder se concentra nunhas poucas ramas clave Este ano o seu patrimonio foi de 172.900 millóns de dólares.

Familia Hermès

A sexta xeración da familia Hermès, composta por máis de 100 membros, é propietaria da empresa francesa de moda de luxo famosa polos seus bolsos Kelly, que poden venderse por centos de miles de dólares en poxas. A riqueza acumulada da dinastía é de 170.600 millóns de dólares.

Familia Koch

A familia Koch converteu a súa empresa familiar nun importante conglomerado industrial con ingresos anuais próximos aos 125.000 millóns de dólares desde a súa sede en Wichita, Kansas (EUA). Este ano a súa fortuna calculouse en 148.500 millóns de dólares.

Dinastía Al Saud

A monarquía saudita de 92 anos de historia debe a súa inmensa fortuna de 140.000 millóns de dólares ás enormes reservas petroleiras que se atopan no reino de Arabia Saudita. Con todo, estímase que a riqueza total controlada polos aproximadamente 15.000 membros da familia é probabelmente moito maior que a calculada.

Familia Mars

O negocio que creou Frank Mars en 1902 é máis coñecido polos produtos M&M's, Milky Way e as barriñas Snickers. Con todo, na actualidade os produtos para o coidado de mascotas representan máis da metade de ingresos da liñaxe estadounidense. O seu patrimonio calculado é de 133.800 millóns de dólares.

Familia Ambani

Mukesh Ambani lidera o conglomerado indio Reliance Industries desde a súa sede en Bombai, que opera o complexo de refinado de petróleo máis grande do mundo. Vive nunha mansión de 27 pisos, considerada a residencia privada máis custosa do mundo. A fortuna familiar é de 99.600 millóns de dólares.

Familias Wertheimer e Thomson

A 'clasificación' complétana a familia Wertheimer, a cargo da coñecida casa de moda Chanel, de orixe francesa e con sede nos EUA, con 88.000 millóns de dólares, así como a dinastía canadense Thomson, que dirixe un imperio mediático que inclúe a Thomson Reuters e acumula unha riqueza de 87.100 millóns de dólares.