Os socialdemócratas gañan en Romanía e o Constitucional valida a primeira rolda das presidenciais

Resultados da Autoridade Electoral Permanente romanesa das votacións á Cámara Baixa do 1 de decembro. (Imaxe: Nós Diario)
PSD e PNL, cerca de manter a coalición de Goberno.

O Partido Socialdemócrata de Romanía (PSD) impúxose o domingo nas eleccións lexislativas, facéndose nas votacións á Cámara Baixa con 21,97% das papeletas, seguido da ultradereitista Alianza para a Unión dos Romaneses (AUR), con 18,01%, corroborou o escrutinio rematado a segunda feira.

O principal socio da coalición co PSD, que gobernou o país na última lexislatura, o conservador Partido Nacional Liberal (PNL), quedou en terceira posición con 13,2%, por diante da tamén conservadora Unión Salvar Romanía (USR) con 12,24%.

Ningunha outra forza logrou superar 10% dos apoios e, no tocante ao Senado, as cifras son moi similares. Malia a vitoria, o PSD acadou o peor resultado desde 1989, mais todo indica que seguirá liderando o Executivo, e a AUR duplicou os seus votos.

As eleccións decorreron apenas unha semana despois da primeira volta das presidenciais, que gañou o independente de extrema dereita Calin Georgescu con 23%, coa líder da USR, Elena Lasconi, como segunda con 19,2%.

Porén, a Xustiza ordenou efectuar un reconto íntegro dos votos entre acusacións contra Georgescu –que cuestiona o envío de armas a Ucraína e a OTAN– por violar leis electorais, que o líder do organismo electoral, Toni Grebla, revelou que non produciu mudanzas significativas.

Segunda volta das presidenciais esta fin de semana

En todo caso, o Tribunal Constitucional estudou a anulación da primeira volta das presidenciais, nunha decisión que atrasou a semana pasada até a segunda, resolvendo por unanimidade validar o proceso electoral e confirmando a segunda volta o 8 de decembro como estaba previsto.