Os soberanistas kanakas rexeitan por unanimidade o acordo de Bougival por "recolonizador"

Protesta independentista a finais de marzo de 2024 en Nova Caledonia. (Foto: Nós Diario)
Exixen que o país oceánico acceda en 2027 á plena soberanía.

Na madrugada da cuarta feira, a Fronte Kanaka e Socialista de Liberación Nacional (FLNKS) comunicou que, no congreso da fin de semana, aprobouse por unanimidade unha moción que ratifica o “rexeitamento total e inequívoco” ao acordo de Bougival, que é “incompatíbel co dereito á autodeterminación [de Nova Caledonia], contrario ao acordo de Noumea e cunha lóxica de recolonización”, explicou Dominique Fochi, secretario xeral da Unión Caledonia (UC), unha das forzas que integran a FLNKS.

A formación reiterou que quere “seguir dialogando co Estado”, mais dá por liquidado o entendemento asinado o 12 de xullo por forzas independentistas e unionistas de Kanaky (o nome indíxena do país) e a Administración de París.

Nesa liña, adiantou que non participará en “ningunha discusión relacionada coa implementación do borrador do acordo de Bougival”, unha comuna na periferia da capital francesa.

Nova etapa en dirección á independencia

Ao respecto de novas negociacións, o grupo fixo énfase en que deben abrir un período de transición de cara á plena soberanía, que, subliñan, ten que facerse efectiva antes das eleccións presidenciais programadas en 2027 en Francia.

Tamén foi criticado o ministro de Ultramar, Manuel Valls, que afirmara con anterioridade que o rexeitamento ao pacto sería unha “opción de decadencia e confrontación”. Valls anunciou que a vindeira segunda feira estará en Nova Caledonia para intentar salvar o acordo.

O borrador rubricado en Bougival prevía crear un Estado de Nova Caledonia mais inscrito na Constitución francesa, coa posibilidade de que lle fosen transferidas competencias como o sistema xudicial.