Rusia investiga o accidente do barco 'Ursa Major' por presunta violación da seguridade marítima

'Salvamar Draco', con base en Cartaxena. (Foto: Europa Press)

Abre unha causa penal "pola morte de persoas" pero non termina de confirmar o falecemento dos dous mariñeiros desaparecidos

As autoridades rusas abriron unha causa penal sobre o accidente da pasada segunda feira do buque cargueiro ruso Ursa Major por violación das normas de seguridade viaria e operación do transporte acuático, que resultou "na morte de dúas ou máis persoas", informou a Dirección Interrexional Occidental do Comité de Investigación da Federación de Rusia.

O caso foi aberto polo departamento de investigación do Departamento de Transporte da rexión rusa de Kaliningrado, segundo un comunicado recollido pola axencia de noticias rusa Interfax.

"Na tarde do 23 de decembro de 2024, no mar Mediterráneo, produciuse un incidente nun barco que enarboraba bandeira rusa, o que provocou o seu posterior afundimento", estabeleceu a investigación preliminar.

"A tripulación do barco abandonou o barco nun bote salvavidas e informou do incidente aos servizos de rescate", de acordo coa nota, que non achega información sobre os dous mariñeiros desaparecidos. "Actualmente estase esclarecendo a súa sorte", fixo saber o Comité de Investigación.

"Os investigadores, coa axuda do Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia, están a organizar unha serie de accións de investigación para estabelecer todas as circunstancias do ocorrido", conclúe o comunicado.

O barco rexistrou unha explosión na sala de máquinas cando navegaba entre as costas do Estado español e Alxeria. Catorce tripulantes foron trasladados esta segunda fiera ao porto de Cartaxena por Salvamento Marítimo para recibir atención médica.

O buque Ursa Major partiu de San Petersburgo hai doce días e atopábase en ruta cara ao porto de Vladivostok, onde tiña previsto chegar o 22 de xaneiro. É un buque de carga xeral que tiña 15 anos de antigüidade e que navegou baixo a bandeira de Antigua e Barbuda, entre outras.

Sobre as 22 horas o buque acabou afundindo. Na zona permanece o Clara Campoamor para controlar calquera posíbel episodio de contaminación mariña que puidese producirse.