Radiografía do Sáhara Occidental tras 50 anos da invasión marroquí
A Marcha Verde fai esta quinta feira 50 anos nun momento marcado pola aprobación, a pasada semana, dunha controvertida e camaleónica resolución impulsada polos Estados Unidos no Consello de Seguridade da ONU. O texto renova o mandato da misión da ONU no Sáhara Occidental, a Minurso, mais consolida tamén a proposta de autonomía presentada por Rabat en 2007 "como base para construír unha solución política e pacífica do conflito".
Para a Fronte Polisario, recoñecida pola ONU como lexítimo representante do pobo saharauí, a resolución aprobada mantén a natureza xurídica do conflito: “A pesar da ardua negociación e da determinación para impoñer a proposta marroquí como o único escenario posíbel (...), o Consello de Seguridade viuse limitado pola imperatividadade do Dereito Internacional, que recoñece o dereito á autodeterminación do pobo saharauí”, explica a Nós Diario o delegado do Fronte Polisario no Estado Español, Abdulah Arabi.
A Marcha Verde, unha invasión ilegal
Esta nova resolución, que impulsa o proxecto de autonomía exposto por Marrocos en 2007, enmárcase nun proceso expansionista que leva décadas construíndose desde Rabat co apoio dos Estados Unidos, aliado histórico do reino alauita. En novembro de 1975, unhas 350.000 persoas procedentes de Marrocos, entre elas milleiros de militares vestidos de civís, irrompen no Sáhara Occidental alentadas polo rei Hassan II.
A coñecida como Marcha Verde producíase poucas semanas despois de que o Tribunal Internacional de Xustiza da Haia desestimara as reivindicacións territoriais de Rabat sobre o Sáhara Occidental, confirmando que o territorio non era terra nullius no momento da colonización española, polo que non podería existir soberanía marroquí sobre el. Malia que a ONU insta Hassan II a pór fin á Marcha Verde e abandonar o territorio, o rei desouve a advertencia. É entón cando 50.000 colonos que constituirían a base social da ocupación comezan a asentarse nos territorios que estaban a ser xa abandonados polo Estado español.
A UE avalou esta semana o plan de Marrocos sobre o sáhara occidental
España, debilitada pola agonía do franquismo, asina o 14 de novembro con Marrocos e Mauritania o Acordo Tripartito de Madrid polo cal transfería a administración do territorio a unha administración compartida entre os tres países. O 26 de febreiro de 1976, dous días antes da extinción do Acordo, as tropas españolas abandonan o Sáhara Occidental e, ao día seguinte, a Fronte Polisario proclama a República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
A responsabilidade histórica do Estado español
Tras a proclamación da RASD, comeza un conflito territorial que, a día de hoxe, segue sen resolver. E a responsabilidade do Estado español enterra as súas raíces até o proceso de colonización do territorio saharauí, que comeza no marco da Conferencia de Berlín (1884-1885). Mais é durante o franquismo e ante o medo polo afán expansionista de Marrocos que o Sáhara Occidental adquire o status de provincia de ultramar. A pesar deste movemento por parte do ditador Franco, a ONU inclúe en 1963 ao Sáhara Occidental na lista de territorios non autónomos pendentes de descolonización, sendo España a potencia administradora responsábel de garantir o proceso nese territorio.
Esa responsabilidade foi eludida durante décadas. A equidistancia histórica de Madrid deu paso en 2022 ao apoio explícito do Goberno de Pedro Sánchez ao plan marroquí de autonomía. Desde entón, o Estado español, Francia, Alemaña, Reino Unido e Estados Unidos recoñecen a proposta de Rabat como a base máis seria e realista para unha solución política do conflito. Porén, Arabi, representante da Polisario no Estado español, ve reversíbel o apoio do Goberno español a Marrocos por dous motivos: En primeiro lugar “pola súa responsabilidade como potencia administradora” e, en segundo lugar, “polo masivo apoio da sociedade civil ás reivindicacións do pobo saharauí”.
A 'realpolitik' fronte ao dereito do pobo saharauí
A esperanza do pobo saharauí non se esvaece despois de 50 anos, mais outra institución con peso internacional como é a Unión Europea anunciou tamén esta segunda feira o seu apoio á proposta de Marrocos de autonomía. Esta decisión únese á aprobación por parte da Comisión Europea dun novo acordo comercial con Rabat que inclúe a explotación de recursos naturais nos territorios ocupados, a pesar das sentenzas en contra do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
Mentres tanto, Marrocos celebra a resolución da ONU como histórica e tende a man a Alxeria, aliada histórica da Polisario. A ledicia do rei Mohamed VI chega para diluír a atención sobre a súa intensa represión contra as persoas manifestantes da xeración zeta que encheron as rúas do país reclamando unha mellora nos servizos públicos.
Esta sucesión de feitos que rodean o 50 aniversario da Marcha Verde demostran que as relacións internacionais están dominadas polos intereses dos actores nacionais máis que polas regras do dereito internacional. Algúns deses actores condenaron –e condenan– a ocupación israelí de Gaza ao tempo que agora apoian, directa ou indirectamente, a ocupación marroquí do Sáhara Occidental: “Nós o que queremos é que se cumpra coa legalidade. Algúns países europeos apoiaron recentemente a causa palestina baseándose no dereito internacional. Pois non é coherente facelo nunha parte do mundo e noutra omitilo”, asegura o responsábel de Asuntos Políticos da Fronte Polisario no Estado español, Salamu Hamudi Bachri.
Rabat celebra a resolución da ONU como histórica
Esta dobre vara de medir ten varios nomes: realismo político, intereses estratéxicos ou realpolitik. Pero cando se baixa a realpolitik á terra árida dos campos de refuxiados de Tinduf, onde aínda viven 173.000 saharauís expulsados do seu territorio, aparecen as vidas humanas. E a realidade desas vidas que reclaman o seu dereito de autodeterminación desde hai décadas é ben diferente á que se vive nos despachos dos líderes políticos que toman as decisións.
Levan á Xustiza o novo acordo comercial entre a UE e Marrocos
A Polisario anuncia a súa intención de denunciar no Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) o novo pacto comercial asinado en outubro entre a Comisión Europea e Marrocos por vulnerar os dereitos do pobo saharauí e ignorar as resolucións xudiciais previas. O acordo, negociado en segredo entre as partes en setembro e sen debate parlamentario, foi rubricado horas antes de expirar a prórroga concedida polo TXUE. O tribunal xa anulara en 2024 o anterior pacto entre Bruxelas e Rabat por considerar ilegal a inclusión de bens procedentes dos territorios ocupados do Sáhara Occidental.
O novo documento mantén esa irregularidade ao seguir permitindo que produtos procedentes de territorios saharauís entren no mercado europeo, aínda que o fagan baixo un sistema de etiquetado que menciona a orixe saharauí dos mesmos. Ese etiquetado segue a ser xestionado na súa integridade polo Goberno marroquí, beneficiario absoluto dos acordos comerciais, sen consultar o pobo saharauí. Segundo relata a Nós Diario a Polisario a través do seu responsábel de Asuntos Políticos no Estado Español, Salamu Hamudi Bachri, o pacto “rompe coa legalidade internacional, pois non conta co consentimento do pobo saharauí nin dos seus representantes”.
Críticas na Eurocámara
A decisión da Comisión Europea provocou tamén reaccións no Parlamento Europeo. 29 eurodeputados e eurodeputadas, entre elas Ana Miranda (BNG), remitiu unha carta á presidenta da Eurocámara denunciando a ilegalidade do pacto e exixindo que Bruxelas respecte o dereito internacional e a vontade do pobo saharauí. Precisamente o BNG emitiu esta semana un comunicado rexeitando a resolución da ONU e acusando o Consello de Seguridade de avalar a "ocupación marroquí".