Quen foi quen na votación sobre o TTIP
O Estado español conta con 54 europarlamentares en Bruxelas. Que votou cada quen e quen estaba ausente no encendido debate sobre o Tratado de Libre Comercio entre a UE e EUA? E as persoas que representan a Galiza?
O Parlamento europeo tiña previsto na xornada de onte (10 de xuño) o debate e votación correspondente ao mandato de negociación do TTIP --o Tratado de Libre Comercio que prevén asinar a Comisión Europea e a administración estadounidense. Porén, as disensións internas no seo do grupo parlamentar socialista auguraba unha posíbel derrota polo que, o presidente da Eurocámara, Martin Schulz, adiou a tramitación do punto recollido na orde do día até unha data non concretada.
Schulz, fíxoo de acordo co artigo 175 do Regulamento segundo o cal a presentación de máis de 50 emendas ao documento aprobado pola Comisión de Comercio Internacional, permite a remisión de novo a este órgao na procura dun maior consenso.
No cerne da decisión do Presidente do lexislativo comunitario sitúase a división interna do Partido Socialista Europeo no que non pouc@s europarlamentares rexeitan as mensaxes contraditorias enviadas pola formación, no concreto, a respeito do mecanismo de resolución de controversias ou tribunal de arbitraxe, máis coñecido como ISDS.
O grupo socialista, que tradicionalmente se opuxo a esta ferramenta, pactou co Partido Popular europeo a aprobación dun informe incial que contemplaba esta figura. Días despois o mesmo grupo emendábase a si propio e presentaba 3 emendas ao texto orixinal recuando.
Os ir e vir do PSOE europeo abriron unha fenda entre as persoas que integran o grupo e non poucas amosaron a súa vontade de votar en contra no pleno da Eurocámara o que obrigou a Schulz a botar man da burocracia para evitar a derrota.
"A cidadanía non entende que non se vote", dixo Gabi Zimmer voceiro de GUE/NGL
Debate
Na cuarta feira o inicio da sesión plenaria prevíase tensa e non defraudou. Por volta das 7:00 a.m iniciouse un intenso e afervoado debate no que o grupo dos Verdes/Esquerda Nórdica Europea (GUE/NGL) mantiveron unha dura crítica ao TTIP e ao pacto entre populares e socialistas para adiar o debate e votación. "A cidadanía non entende que non se vote", espetou o voceiro do grupo segundo as declaracións recollidas por EFE. "Os dous grandes grupos agochándose detrás dos parágrafos do regulamento e deixando o Parlamento europeo sen voto", sinalou Gabi Zimmer.
Mais finalmente votouse, iso si, sobre a posibilidade de abrir o debate. Por só dous votos (181 NON / 183 SI) a coligazón PP-PSOE saíu do paso. Mais, que votou cada unha das 54 persoas que representan o Estado español en Bruxelas? E, quen estivo ausente?
Segundo recolle a acta de votación publicada na web da Eurocámara votaron a favor de adiar o debate:
- PP
- Pilar del Castrillo Vera
- Agustín Díaz de Mera
- Esteban González Pons
- Gabriel Mato
- Francisco J. Millán Mon (GALIZA)
- UPyD
- Beatriz Becerra
- Enrique Calvet
- Maite Pagazaurtundúa
- EAJ-PNV
- Izaskun Bilbao
Abstivéronse
- PSOE
- Clara Aguilera
- Inés Ayala
- José Blanco (GALIZA)
- Jonás Fernández
- Enrique Guerrero
Votaron en contra de adiar o debate:
- EH-Bildu / Os pobos deciden
- Josu Juaristi
- ERC
- Josep María Terricabras
- Compromís
- Jordi Sebastiá
- Nova Esquerra Catalana
- Ernest Maragall
- Izquierda Unida
- Marina Albiol
- Javier Couso
- Paloma Gómez
- Ángela Vallina
- AGEe
- Lidia Senra (GALIZA)
- Podemos
- Tania González Lola Sánchez
- Estefanía Torres
- Miguel Urban
- ICV
- Ernest Urtasun
Pablo Iglesias auséntase
Entre as ausencias, os dous eurodeputados de Ciudadanos; 12 europarlamentares do PP; 8 do PSOE (entre as que se atopaba a cabeza de lista nas europeas, Elena Valenciano), un deputado de UPyD e Juan Fernando López Aguilar, agora como non adscrito após a súa saída do PSOE por mor da investigación xudicial aberta por un presunto delito de violencia machista.
A sorpresa da xornada foi a ausencia de Pablo Iglesias, integrante do grupo Verdes/Esquerda Nórdica --o máis crítico. Durante o debate e votación o líder de Podemos atopábase nunha tertulia organizada pola Cadena Ser na propia sede parlamentar e que durou arredor de 40 minutos.