Que sabemos sobre a reunión entre Putin e Trump en Budapest? Estes son todos os detalles que deron a coñecer as delegacións
Os presidentes de Rusia e dos Estados Unidos de América, Vladimir Putin e Donald Trump, dialogaron nas últimas horas durante unha conversación telefónica sobre a posibilidade de manter proximamente unha nova reunión entre ambos.
O anuncio do próximo cumio chegou horas antes do encontro que sosterá o presidente estadounidense co líder do Executivo ucraíno, Volodimir Zelenski, cuxo tema central será a posíbel entrega a Ucraína de mísiles de cruceiro Tomahawk, arma estadounidense de longo alcance solicitada por Ucraína desde hai tempo.
O portavoz presidencial ruso, Dmitri Peskov, declarou que o encontro podería decorrer no prazo de dúas semanas ou "máis tarde". "De feito, pode ter lugar dentro de dúas semanas ou un pouco máis tarde. Hai un consenso xeral en que non hai que deixar nada para máis adiante", dixo o voceiro.
Antes, os primeiros detalles da reunión pactada entre os EUA e Rusia foron anunciados pola Casa Branca. Así, o mandatario estadounidense comunicou que podería reunirse co seu par ruso "nunhas dúas semanas, máis ou menos", en Budapest, para ver se é posíbel pór fin ao conflito en Ucraína. A información foi confirmada pouco despois polo asesor presidencial ruso, Yuri Ushakov, quen precisou que foi Trump quen mencionou a capital húngara como o posíbel lugar para manter as conversacións e que Putin apoiou esta proposta do norteamericano.
Desde o Kremlin sinalaron que Moscova e Washington ocuparanse "sen demora" dos preparativos para a reunión, labor que comezará nos próximos días cunha chamada telefónica entre o secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, e o chanceler ruso, Sergei Lavrov.
"A medida que avancen os traballos dos representantes, do ministro de Relacións Exteriores [de Rusia] e do secretario de Estado [dos Estados Unidos de América], probabelmente aclararase cando se poderá organizar o cumio", explicou o asesor presidencial ruso.
Pola súa parte, Trump anunciou acordar con Putin que a próxima semana terá lugar unha reunión de "asesores de alto nivel" dos dous estados. "As reunións iniciais, por parte dos EUA, estarán dirixidas polo secretario de Estado, Marco Rubio, xunto con outras persoas que aínda están por designar. O lugar da reunión tamén está por determinar", sinalou.
Posteriormente, indicou que os xefes da diplomacia de Rusia e dos EUA manterán un encontro "moi pronto". "Fixarán a data e o lugar en breve. Quizais xa o fixesen. Xa falaron", detallou o presidente dos Estados Unidos de América sobre o avance das conversas entre ambas as delegacións.
O inquilino da Casa Branca detallou que nas negociacións con Moscova estarán involucrados, ademais de Rubio, o vicepresidente dos Estados Unidos, J.D. Vance, e o enviado especial para misións de paz dos EUA, Steve Witkoff.
"Primeiro estará Marco e, como saben, o vicepresidente tamén está involucrado. Todo o equipo está involucrado. Steve Witkoff tamén estará involucrado", afirmou. De momento, a parte rusa non proporcionou máis detalles sobre que comporá a súa delegación.