O PS ratifica que non censurará Lecornu mais algúns membros do grupo néganse

O primeiro ministro de Francia, Sébastien Lecornu. (Foto: Europa Press / Contacto / Alexis Sciard)
LFI reitera que "aínda hai tempo para recomporse e censurar".

O Partido Socialista francés está disposto a “apostar” por un debate na Asemblea Nacional sobre a proposta orzamentaria do primeiro ministro liberal-conservador Sébastien Lecornu, sentenciou a cuarta feira o presidente do seu grupo parlamentario, Boris Vallaud, descartando que vaian apoiar algunha das dúas mocións de censura contra o Goberno.

A pesar das instrucións neste sentido do seu líder, Olivier Faure, cando menos catro deputados adiantaron que romperán a disciplina de voto e censurarán Lecornu.

Un día antes, o primeiro ministro propuxo suspender a suba da idade de xubilación até 2028, despois dunhas eleccións presidenciais nas que non se poderá presentar o actual mandatario, Emmanuel Macron.

Manuel Bompard, coordinador da Francia Insubmisa (LFI), que defende a disolución do Parlamento e a dimisión de Macron, o que implicaría eleccións lexislativas e presidenciais, detallou que isto supón que o PS “terá que votar a favor dun recorte de catro anos nas pensións ou dunha redución da indemnización para as persoas con doenzas crónicas”, inquirindo que “como poden enganarnos así”, antes de resolver que “aínda hai tempo para recomporse e censurar”.

Precisamente LFI presentou unha das mocións, mentres que a outra foi asinada pola extrema dereita de Reagrupamento Nacional (RN). Prevese que ambas as dúas sexan estudadas a quinta feira polo Asemblea.

Proposta para millonarios

Tras a presentación da proposta financeira de Lecornu, o documento foi rapidamente cuestionado polo economista Gabriel Zucman, autor da proposta dunha taxa ás grandes fortunas apoiada pola esquerda, que detallou que “todo” no plan “se fixo para salvar Bernard Arnault e os multimillonarios franceses”.