Primeiras reformas no desxeo das relacións entre Cuba e os EUA

Mural de homenaxe ao Che en Cuba

A administración Obama presenta a batería de medidas como máis un plan para "acelerar un proceso de transformación" na illa.

 

Os EUA anunciaron os primeiros movementos lexislativos após iniciarse un proceso de normalización das relacións diplomáticas coa illa de Cuba. A administración encabezada polo presidente Barack Obama modificará algúns dos aspectos económicos e comerciais que compoñen o bloqueo nas vindeiras semanas, porén, esta medida excepcional e contraria ao dereito internacional que perdura desde hai máis de medio século non poderá ser suspendida agás por acordo do Congreso estadounidense. 

O desxeo das relacións políticas e diplomáticas será escenificado coa celebración dun encontro histórico na Habana os días 21 e 22 de xaneiro. A esta cimeira bilateral asistirá, en representación dos EUA, Roberta Jacobson, secretaria de Estado adxunta para o hemisferio occidental. Esta será a prieira vez en 60 anos que unha autoridade estadounidense pise chan cubano. 

Con estas mudanzas a administración Obama visa que o pobo cubano sexa "menos dependente da economía controlada polo estado", explicaron fontes da Casa Branca

Entre o pacote de medidas que aprobará os EUA atópase a flexibilización das restricións para viaxar á illa caribeña ao suprimiren a licencia específica que até o momento debía conceder o Departamento do Tesouro. No entanto, só poderán trasladarse a Cuba aquelas persoas que pertenzan ás 12 categorías estabelecidas polo goberno ianqui (familia, viaxes gobernamentais, orhanizacións intergobernamentais, medios de comunicación, centros de investigación, proxectos educativos, relixiosos e médicos, entre outras). Esta licencia tampouco será obrigatoria para as axencias de viaxes. 

Así mesmo, autorizarase o envío de remesas entre os 500 e os 2 mil dólares por trimestre. A exportación de materiais de construción e agrarios e a xeración de maiores facilidades para o comercio de servicios e materiais de telecomunicación entre os EUA e Cuba. 
 
Con estas mudanzas a administración Obama visa que o pobo cubano sexa "menos dependente da economía controlada polo estado", explicaron fontes da Casa Branca, e "acelerar" asi o "proceso de transformación na illa". Unhas declaracións que reflicten o espírito intervencionista que mantén EUA, mesmo mudando de estratexia, a respeito de Cuba.