O PP volve ceder ante Vox: Mañueco e Pollán alcanzan un acordo de goberno para Castela e León
O presidente do PP de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e o portavoz de Vox nas Cortes de Castela e León, Carlos Pollán, avanzaron que esta cuarta feira asinarán o pacto de investidura, que chega despois de case tres meses de negociacións e cos populares cedendo ante as propostas do partido de ultradereita.
As negociacións, cuxos termos polo momento non saíron á luz, foron concluídas na xornada desta terza feira. Cabe lembrar que a normativa lexislativa de Castela e León non marca prazos fixos para o debate de investidura, un precepto ao que se aferrou Mañueco para tentar atrasar todo o posíbel o seu pacto de investidura da man de Vox.
Tento en conta o programa da ultradereita, o PP tería aceptado medidas como a “prioridade nacional” —é dicir, o discurso ultra impulsado polo ultraespañolista Vox contra as persoas migrantes—, a negativa de acoller a menores non acompañados, a eliminación de axudas aos sindicatos ou o recorte en dereitos e protección ás mulleres vítimas de violencia machista.
O pacto chega 80 días despois das eleccións autonómicas que deixaron o PP, con 33 dos 82 escanos que compoñen o Parlamento, a nove deputados de conseguir a maioría absoluta.