O PP crea unha comisión de investigación no Senado para saber se a SEPI "pagou favores" a Maduro
Citan a María Jesús Montero e Sara Aagesen a un pleno extraordinario tras os rexistros na SEPI e o Ministerio de Transición Ecolóxica.
A portavoz do PP no Senado, Alicia García, anunciou esta segunda feira a creación dunha nova comisión de investigación na Cámara Alta que estará centrada na actividade da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), co obxectivo de dilucidar se o Executivo "puido beneficiar" co "pago de favores" o Goberno venezolano de Nicolás Maduro a través de rescates como o da aeroliña Plus ultra.
Así o trasladou nunha rolda de prensa na Cámara Alta na que tamén informou de que os populares convocaron un pleno extraordinario o próximo 15 de xaneiro no que citaron a vicepresidenta primeira, ministra de Facenda e responsábel política da SEPI, María Jesús Montero, e a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, ao estar os departamentos "baixo sospeita" pola "trama de hidrocarburos que puido beneficiar Maduro".
A creación do novo organismo e a convocatoria do pleno extraordinario chegan despois de que a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil detivese, o pasado mes de decembro, a ex militante do PSOE Leire Díez, o ex presidente da SEPI Vicente Fernández e o empresario Antxon Alonso no marco dunha investigación da Audiencia Nacional (AN) sobre presuntas irregularidades en contratacións públicas.
Dous días despois dos arrestos, a Garda Civil acudiu ás sedes de Correos e dos ministerios de Facenda e Transición Ecolóxica para solicitar documentación relativa ás pescudas da Audiencia Nacional.
Así mesmo, o anuncio de Alicia García chega dous días despois da captura do presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, por parte dos Estados Unidos, para ser xulgado nese país por cargos relacionados co "narcoterrorismo" e o tráfico de drogas.