[VÍDEO] O portavoz de Vox en Catalunya foi cachado nunha cea con proclamas franquistas

(Foto: Crónica Global)

Durante a cea recitouse un poema falanxista e lanzáronse berros a favor de Franco. Vox di que foi un encontro de afeccionados do Espanyol.

O portavoz de Vox no Parlamento de Catalunya, Joan Garriga, participou o pasado 23 de decembro nunha cea no barrio de Sarrià-Sant Gervasi de Barcelona que se pronunciaron consignas franquistas, segundo recolle a dixital Crónica Global. Nun vídeo pódese ver como un comensal fai un discurso e remata co berro "Arriba España", mentres a deputado de Vox sorrí.

Segundo o dixital, o comensal recitou o poema falanxista "A la bandera", de José Luis Santiago de Merás, mais a exaltación franquista non rematou aí.

Despois, outro dos participantes berrou: "Viva Franco, viva el Caudillo". Un pregón que foi aplaudido pola maioría dos comensais. Despois, Garriga tratou de frear os berros, segundo o xornal, ao ver que a xente doutras mesas o gravaba co móbil.

Consultado por Crónica Global, Vox argumentou que a cea foi unha reunión privada de Garriga cos afeccionados do Espanyol. Cómpre lembrar que Joan Garriga é primo de Ignacio Garriga, secretario xeral de Vox.