Críticas da oposición

Pontón, sobre a viaxe de Feijóo a Israel: "Ou perdeu o norte ou ampara un estado criminal"

Pontón

Críticas, en diversos graos, da oposición política á visita do presidente da Xunta ao réxime sionista.

É unha viaxe "inoportuna", avaliou Ana Pontón na súa comparecencia perante os meios após a xunta de portavoces realizada esta terza feira no Pazo do Hórreo. O BNG, explicou, preferiría que Feijóo non fose "a un estado sionista que fai unha política de acoso aos direitos humanos".

 

Pontón pon en dúbida que o interese real de Feijóo en Israel sexa promocionar o I+D+I galego "cando o que fixo foi pór Galiza no vagón de cola neste ámbito".

 

Crítico, mais cunha tonalidade menos contundente, expresouse tamén a este respeito o portavoz de En Marea, Luís Villares. O líder da confluencia lembrou que en maio de 2014 o embaixador de Israel en España clasificou o Parlamento de Galiza como un "dos piores e máis extremistas inimigos de Israel" por ter aprobado por unanimidade unha declaración en que se instaba Tel Aviv a respeitar os direitos humanos do pobo palestino. "Reclamamos para todas as persoas, con independencia do pobo ao que pertenzan, o seu direito a existir e a non ser desprazados", dixo Villares.

 

A avaliación de Leiceaga (PSdeG) moveuse en termos de cautela -non é posíbel xulgar a viaxe sen ter información sobre os seus pormenores, veu dicer-, mais en todo caso deixou claro que "debería ser extremadamente coidadoso, nunha contorna internacional, moi complicada para non avalar as políticas equivocadas do Estado de Israel polo tema palestino".

 

En troca, Pedro Puy, o portavoz do grupo parlamentar popular, avalou a viaxe presidencial sen reservas. Argüíu que Israel é "o único país democrático da súa contorna xeográfica" e alegou que a visita de Feijóo a Israel visa "estabelecer vínculos en sectores punteiros como as TIC, a automoción ou a aeronáutica".

 

O contido da viaxe é, enfatizou Puy, netamente "económico", polo que pediu facer abstracción da "consideración" que se poda ter da política de Tel Aviv en relación a Palestina.