Abatido un membro de Antifa investigado na morte dun seguidor de Trump

Un manifestante ferido nun dos violentos choques en Portland deste verán (Imagespace / Zuma)
O activista de esquerdas acudiu frecuentemente ás protestas deste verán en Portland, onde supostamente tería asasinado o membro da formación ultradereitista Patriot Prayer.

Un axente federal dos EUA matou nas últimas horas un home sospeitoso de asasinar un seguidor do presidente estadounidense, Donald Trump, durante un enfrontamento rexistrado a pasada fin de semana en Port-land (Oregon) no contexto das protestas contra o racismo.

Segundo os diarios The Washington Post e The New York Times, que citaron fontes oficiais, o falecido, identificado como Michael Forest Reinoehl, foi abatido  na localidade de Lacey, no Estado de Washington, cando un grupo de axentes federais procedían á súa detención. O axente federal disparou a Reinoehl cando este "sacou unha pistola", dixo ao Post unha fonte do Departamento de Xustiza.

Reinoehl, de 48 anos e vinculado ao movemento anarquista Antifa, estaba a ser investigado ─aínda que non estaba formalmente acusado─ de matar de dous disparos a Aaron J. Danielson, de 39, un seguidor de Trump e membro do movemento de ultradereita Patriot Prayer, que se enfrontou cos manifestantes en Portland contra a inxustiza racial.

Pouco despois de o New York Times publicar a información sobre a morte de Reinoehl, Trump escribía precisamente sobre ese caso nas redes sociais, mais aparentemente sen ter aínda constancia da noticia, dado que se preguntaba no Twitter "por que a Policía de Portland non arresta o asasino a sangue frío de Aaron Jay Danielson".

"Defensa propia"

Nunha entrevista publicada na quinta feira  polo medio Vice News, Reinoehl parecía admitir que matara a Danielson, dado que aseguraba que "non tiña outra opción" e que actuou en defensa propia, porque cría que o seguidor de Trump os ía apuñalar a el e mais a un amigo.

"Podería terme quedado sentado e ver como mataban un amigo meu doutra raza. Mais non ía facer iso", afirmou o finado Reinoehl, que era branco.

O activista de esquerdas, que se definiu a si mesmo como "100% de Antifa", acudiu frecuentemente ás protestas deste verán en Portland, unha das cidades onde houbo unha mobilización máis activa e ás veces violenta contra o racismo tras homicidio de George Floyd.

A Policía de Portland asegurara tamén na quinta feira que seguía investigando o incidente, que se produciu logo de unha caravana de simpatizantes de Trump e de Patriot Prayer percorrer Portland na fin de semana e se enfrontar cos manifestantes contra o racismo, aos que dispararon con perdigóns.